CulturaCulturaEn portadaEntroido 2021Galerías de fotosÚltima hora

O engado ancestral do Fulión de Manzaneda, no escaparate de Miranda Moda no Barco

No marco do proxecto "MirArte" pode verse unha mostra de fotografías desta festa de Carlos G. Hervella, así como de elementos propios deste Entroido como a vestimenta das Mázcaras deste municipio

 

O toque cadencioso e ancestral dos bombos, aixadas e cornas do fulión, a danza das Mázcaras, a fuliada, as visitas entre aldeas… O Entroido de Manzaneda, declarado Festa Galega de Interese Turística, constitúe un rico entramado de rituais animados por un só espírito: a participación colectiva nunha celebración na que as rúas se converten nun escenario no que ninguén é espectador, que estreita as relacións entre os veciños do mesmo pobo e de aldeas veciñas, e abre un tempo novo que anuncia a primavera, as novas colleitas.

 

 

Este espírito ancestral, que este ano se viu truncado por mor da pandemia do Covid-19, ten sido retratado ao longo de varias décadas polo fotógrafo Carlos G. Hervella, director do Periódico O SIL. Unha escolma dese traballo reuníase anos atrás na mostra “Entroido de Manzaneda”, pertencente ao Concello de Manzaneda, que agora vén de ser recuperada na exposición “As Mázcaras de Manzaneda”, enmarcada no proxecto “MirArte” que promove o establecemento barquense Miranda Moda e amosa nos seus escaparates.

 

Xocas Miranda, durante a montaxe da exposición nun dos seus escaparates.

 

“Esta é unha zona de Entroido e, xa que este ano pola pandemia non se puido celebrar nas rúas, pois decidimos plantexar esta exposición como unha lembranza a esta celebración e de poñela de novo na rúa”, explica Xocas Miranda, responsable de Miranda Moda, cuxa tenda está situada na céntrica avenida Conde Fenosa do Barco.

 

 

Ademais de 16 imaxes que captan algúns dos momentos máis significativos da mostra, que rende homenaxe a esta tradición nun ano marcado por un “Entroido diferente”, tamén achega algúns dos elementos máis significativos desta festa: o traxe da Mázcara, o seu pucho, o cinto de chocas, o bombo, a aixada, a corna… Ademais poden comprobarse a singularidade dos puchos das Mázcaras do Fulión de Langullo-Parroquia de Cesuris (antigamente denominas Bellas), fronte ás dos outros fulións do municipio: o da Mourela p’acá e o de San Martiño.

 

 

A mostra poderá verse ao longo dun mes no escaparate de Miranda Moda. A exposición fotográfica foi cedida polo Concello de Manzaneda e o resto dos elementos expostos por dous veciños deste municipio: Marcos Núñez e Manuel López.

“Con esta proposta tamén lle damos continuidade ao proxecto de MirArte, co que xa levamos moitos anos”, comenta Xocas Miranda. A anterior exposición que acollía o escaparate de Miranda Moda era “As marionetas de Lola Doporto”, o pasado outono.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button