En portadaEntroidoEspeciaisGalerías de fotos

O engado das mascaradas envolve Vilariño de Conso

Esta localidade ourensá acollía a segunda xornada dun encontro de festas tradicionais de inverno da península ibérica

O atroador son dos folións de diferentes puntos do oriente ourensán era o primeiro sinal. No mediodía do 18 de xaneiro os bombos, as aixadas, os sachos e as cornas envolvían co ritmo propio do Entroido as rúas de Vilariño de Conso. A segunda xornada da I Mascarada Ibérica desenvolvíase neste concello cun desfile no que participaban diversos folións de Viana do Bolo, así como os de Buxán (O Bolo), a Mourela p’acá (Manzaneda), o da Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso e o folión de Mormentelos (Vilariño de Conso).

Asemade en Vilariño podían verse outras manifestacións carnavalescas ourensás, como os Troteiros de Bande, ou galegas, como é o caso do Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba de Chantada (Lugo). Participaban ademais máscaras doutras celebracións ancestrais propias das datas do inverno como son os Caretos de Parada (Portugal), os Sidros de Valdesoto (Asturias) ou Los Jurrus de Alija del Infantado (León).

O desfile, que arrancaba dende a praza ao redor das doce e media, remataba nas proximidades do colexio. De seguido, ofrecíase un xantar aos grupos participantes no pavillón polideportivo. Esta I Mascarada Ibérica do oriente ourensán será organizada pola Comisión Entroido 2015 de Viana do Bolo e pola Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso en colaboración cos Concellos de Viana e Vilariño. Tamén participan Saga e Portas de Galicia.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button