CulturaCulturaÚltima hora

O ensaio “Redución” de Federico Romero Beltrán, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2019

O certame está promovido pola Asociación Outono Fotográfico

Unha imaxe de “Reducción” de Federico Romero Beltrán.

 

Promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento, é o obxectivo que persegue o  Premio Galicia de Fotografía Contemporánea lanzado pola Asociación Outono Fotográfico, co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, que xa ten gañador da edición 2019.

Segundo explican dende a organización, o traballo de Federico Romero Beltrán “entronca á perfección co obxectivo do Premio”, xa que Redución “é un ensaio fotográfico que indaga os procedementos de redución e sometemento policial a indocumentados no territorio do Estado Español”. O proxecto está composto por varias partes con diferentes linguaxes. “Nunha delas, o autor sérvese da linguaxe documental para facer unha compilación de espazos transitados polos protagonistas da obra, os inmigrantes, que son representados noutro capítulo con escenificacións que beben directamente da fotografía de moda”. Felipe tamén presenta “documentación de manuais da policía española aos que tivo acceso e dos que se apropia para traer ao seu proxecto. Nestes documentos fálase das técnicas para reducir os corpos exercendo a forza, nun intento de salientar tamén a opresión do poder establecido”.

O xurado, que visualizou proxectos chegados desde varios países, estivo este ano composto por Xosé Lois Vázquez, director do festival internacional Outono Fotográfico, editor e fotógrafo; Vítor Nieves, curador independente e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea; Marisa Marimón, galerista; Carlos Fontes, director artístico do festival internacional de fotografía e artes visuais Encontros da Imagem (Portugal); António Pedrosa, fotógrafo documental e director do Instituto de Produção Cultural e Imagem (Porto, Portugal); e Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo); exercendo como secretaria Ofelia Cardo (en representación da Xunta da Galicia).

O Premio consiste na produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo gañador itinerando a mostra durante 2 anos e distribuíndo a publicación. A exposición inaugurarase en decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede de Deputación de Lugo) para logo comezar a itinerancia polas cidades galegas así como outras localidades de Portugal e do resto de España.

Artigos relacionados

Back to top button