ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O “Entretendas” anima o comercio barquense

Tivo lugar na tarde deste venres, 7 de agosto e vindeiro venres 21 terá lugar o segundo

 

O primeiro día de “Entretendas”, actividade organizada polo Concello do Barco en colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA), e orientada a dinamizar o comercio do Barco, animou as rúas da vila. Tivo lugar na rúa Conde Fenosa (entre a rúa Castelao e a avenida da Estación), que pasou a ser de dirección única durante a actividade co fin de ampliar o espazo peonil e garantir a distancia de seguridade entre os cidadáns.

Comezaba con media hora de retraso, debido ás altas temperaturas que se acadaron nesta tarde de 7 de xullo. Así, os zancudos “Benito e Rufina” percorrían as rúas barquenses animando a maiores e pequenos.

 

 

O concelleiro de Comercio e Turismo, Eladio Santos, afirmaba que “creo que a xente estivo animada. Tivemos unhas condicións meteorolóxicas un pouco complicadas porque vai moita calor, pero había ambiente nas rúas”. Por outra banda, respecto ás restriccións de tráfico que houbo na avenida Conde de Fenosa recoñecía que “da gusto ver o pobo con poucos coches e cunha circulación máis peonil que rodada. Nese senso é unha experiencia moi positiva e o día 21 de agosto repetiremos noutras zonas”.

 

 

Ademais, o concelleiro resaltaba que “son iniciativas para todo o comercio, aínda que o Centro Comercial Aberto participe como asociación. Pensamos que isto pode beneficiar aos comercios non só das zonas onde vai o pasasarrúas. Isto fai que haxa animación e que a xente merque en todos os lados”.

 

 

Pola súa banda, a xerente do Centro Comercial Aberto, Ainhoa Carracedo, afirmaba que a actividade “cumpriu co seu obxectivo, que era a dinamización do comercio e o apoio ao comercio local e aos empresarios que temos no noso Barco. Conseguimos que houbera ambiente festivo, e alegría na rúa despois do que pasamos e do que pasaron os comerciantes”.

Ainhoa Carracedo tamén apuntou que a pesar da calor, “Entretendas deu pe a que a xente salira esta tarde, e non só desfrutaran da animación, senón que tamén das compras no comercio local”.

 

 

Así, o vindeiro venres 21 de agosto, no mesmo horario, o evento será nas rúas Doutor Pérez Lista, Academia Dequidt e Marcelino Suárez (entre a avenida da Estación e a rúa España). Volverá a actuar o Grupo Troula, nesta ocasión co espectáculo “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”, cun único pase ás 19:00 horas.

Fotos e vídeos: Alba Prada e Víctor Santos

Artigos relacionados

Back to top button