Entroido 2022OurenseÚltima hora

O Entroido de Barbadás incluirá regueifas, desfiles e charangueiras por todo o Concello

O pregón correrá a cargo de Paco Gallego e Manu Varela e o gran desfile será o Martes de Entroido na Valenzá

Desfile pola Valenzá no Entroido de 2020./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Despois de 2 anos nos que estiveron paralizadas este tipo de actividades e festas, por fin podemos reinicialas, renovalas e empezar a desfrutar”. Con estas palabras a concelleira de Cultura, Marga Pérez, amosaba a súa satisfacción na presentación do Entroido 2022 de Barbadás. Un programa que inclúe desfiles, regueifas de compadres e comadres e charanagueiras por todo o concello.

Esta semana xa empezaron os obradoiros de Entroido nos colexios para elaborar por parte dos nenos que logo van poder desfrutar nas regueifas de compadres este xoves día 17 de febrero e o vindeiro xoves día 24. As regueifas de Compadres serán no patio do colexio Filomena Dato e as de Comadres serán na Praza da Valenzá Vella.

O venres 25 de febreiro colgaranse meco e meca e ás 12 horas está previsto o desfile infantil coa presenza tamén de alumnado do Centro Ocupacional das Burgas. Ese mesmo día ás 20 horas será o gran pregón do Entroido a cargo de Paco Gallego e Manu Varela na zona da rotonda da familia, acompañados musicalmente polo grupo Mekanica. A continuación do pregón celebrarase a Cea de Comadres “nunha carpa moi ampla no patio do colexio Filomena Dato coas medidas de precaución necesarias e focos de calor para disfrutar ao mesmo tempo da festa”, indica Marga Pérez.

O sábado 26 e o domingo 27 de febrero haberá actividades de animación polas rúas de todo o concello, tanto na Valenzá coma nos pobos con sendas charangueiras.

 

Presentación do programa de Entroido 2022 de Barbadás.

 

O luns día 28 de febreiro os protagonistas serán de novo os nenos cunha festa infantil, merendas saudables e premios para os mellores disfraces.

E xa o Martes de Entroido será o día grande en Barbadás coa celebración do Gran Desfile que partirá como é habitual da rúa dos Carrís. Ata o día 28 de febrero está aberto o prazo de inscrición, sendo este ano moi sinxelo o sistema para anotarse a través de unha anotación de participantes en liña na páxina web: barbadas.es. Este ano incrementouse a contía destinada a premios, con un total de 6.000 euros. A mellor carroza e a mellor comparsa recibirá un premio de 1.000 euros cada unha e mantéñense as categorías habituais.

Finalmente o día 3 de marzo será o día da despedida de Don Carnal coa procesión fúnebre con meco e meca e posterior queima na Praza da Valenzá vella. A animación musical correrá a cargo da agrupación musical Xente Nova.

Unha das novidades este ano é a programación de un Concurso de Mecos, unha iniciativa que xurdiu en 2021 a raíz da pandemia. Naquel momento xurdiron espontáneamente mecos colgados e expostos pola veciñanza por todos os lugares do municipio. Un total de 40 mecos deron ao Entroido de Barbadás unha animación que non puido haber doutro xeito.

Artigos relacionados

Back to top button