CulturaCulturaÚltima hora

O Entroido de Verín vai quentando motores

O prazo para inscribirse no Obradoiro do Cigarrón 2018-2019 estará aberto ata o 30 de outubro
Cigarróns o Domingo Corredoiro.

A maquinaria do Entroido de Verín 2019 xa está en marcha. Unha semana despois de abrir o prazo do concurso de carteis, o Concello abre o do Obradoiro do Cigarrón 2018-2019.

Esta iniciativa nace no ano 1997 coa idea de que a máscara máis antiga e con máis significado patrimonial do Entroido verinense se manteña dentro duns canons de respecto polas formas tradicionais. Para iso, no obradoiro ensínase a facer todos os elementos do cigarrón, salvo o pintado da careta e os compoñentes de produción industrial. O Obradoiro do Cigarrón “serve tamén para transmitirlle aos participantes o calzado que harmoniza co traxe, que tipo de chocallos e cantos se deben levar, ou como vestir a máscara e utilizala en público”, explican dende o Concello.

O prazo de admisión de solicitudes para participar estará aberto ata o 30 de outubro. “Pechado o devandito prazo, ordenaranse as solicitudes aplicándolle dous criterios de preferencia, que priorizarán as solicitudes formativas que se teñan realizado para participar en todas as actividades, fronte ás solicitudes de formación parcial, e, de seguido, a orde de entrada da solicitude”, puntualizan dende Verín.

 

Cartel do obradoiro.

 

As actividades formativas comezarán en novembro na Casa da Xuventude, e os participantes poden facer a máscara completa ou partes (traxe, careta). No caso de que queiran facer o traxe, é indispensable ter coñecementos de confección con máquina e de calceta, e estar dispostos a levar máquina propia ou a aprender compartindo máquina industrial. Deberán ademais ter libres as tardes dos luns e dos martes. No caso de facer só a careta, os luns. Para facer só o traxe, os martes. No suposto de haber demanda para crear dous grupos, o segundo grupo tería as actividades de traxe os mércores e as de careta o xoves.

A cota de inscrición para participar en todas as actividades é de 95 €. Se só se quere facer o traxe ou a careta, a cota é de 75 €. “O obxectivo é que se fagan máscaras completas”, puntualizan dende o Concello, por iso, teñen preferencia as persoas que queiran participar en todas as actividades e acéptase que dúas persoas que sexan da mesma familia pagando unha única matrícula, participen complementariamente en actividades distintas, facendo unha o traxe e outra a careta”.

Artigos relacionados

Back to top button