ConcellosÚltima hora

O Entroido de Xinzo de Limia 2017 busca cartaz

O prazo para presentarse ao concurso remata o 18 de novembro e o premio será de 500 euros
A Pantalla é o símbolo do Entroido en Xinzo de Limia. /Foto: Carlos G. Hervella.
A Pantalla é o símbolo do Entroido en Xinzo de Limia. /Foto: Carlos G. Hervella.

Con motivo da celebración do Entroido de 2017 a Comisión Organizadora e a Concellería de Cultura, Deportes, Educación, Festexos e Xuventude do Concello de Xinzo de Limia veñene de convocar un concurso para seleccionar o cartaz oficial desta tradicional celebración. Está aberto a creadores nacionais e estranxeiros e os traballos presentados terán como única identificación un lema escrito no exterior dun sobre pechado.

Unicamente se admitirán cartaces en formato vertical “con tamaño de 50 x 70 cm (non servirán formatos proporcionais) montados sobre un bastidor ríxido. Non existirán límites de tintas nin técnicas. No caso de que a obra sexa presentada con sistemas informáticos, aportarán ademais da reprodución a cor que reúna os requisitos sinalados, o correspondente soporte magneto/óptico con todos os ficheiros necesarios para a obtención de fotolitos xunto coas fontes utilizadas, e no seu caso, os orixinais das imaxes utilizadas”, segundo se establece nas bases do certamen.

O cartaz imprimirase en offset e deberá levar como único texto ENTROIDO 201 7-XINZO DE LIMIA do 4 de febreiro ao 5 de marzo e debaixo Entroido 24, 25, 26, 27 e 28 de febreiro. Festa declarada de interese turístico nacional. Ou coa fórmula: 4 de febreiro PETARDAZO, 5 de febreiro FARELEIRO, 11 de febreiro COLGAMENTO DO MECO, 12 de febreiro OLEIRO, 18 de febreiro SÁBADO CORREDOIRO, 19 de febreiro DOMINGO CORREDOIRO, 24, 25, 26, 27 e 28 de febreiro ENTROIDO, 1 de marzo ENTERRO DA SARDIÑA e 5 de marzo DOMINGO DE PIÑATA.

A temática será libre de elección e interpretación do autor debendo reflexar o sentimento do entroido de Xinzo en todas as súas facetas, e data límite para a presentación dos traballos é o 18 de novembro de 2017. Segundo as bases, no caso de envíos por Correos ou por empresas de mensaxería, non se admitirán entregas a partir das 14 horas dese día. As obras entregaranse no Concello de Xinzo de Limia, rúa Curros Enriquez, 15; ou na Casa da Cultura na rúa Curros Enríquez 17, 32630 Xinzo de Limia.

O premio para o gañador consistirá na edición do cartaz seleccionado, que pasará a ser propiedade do Concello de Xinzo e nunha dotación económica de 500 euros. As bases poderán recollerse na Casa de Cultura ou descargarse na páxina web do concello: www.xinzodelimia.es

Artigos relacionados

Back to top button