CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O Entroido galego chega a Copenhague (Dinamarca)

Da man da Casa da Cultura Galega, unha exposición de fotos amosou esta tradicional festa á poboación danesa

Os diferentes números da revista O Entroido en Galicia que o Periódico o Sil vén publicando dende hai anos, serviron de inspiración á valdeorresa Raquel Sertaje, membro da Casa da Cultura Galega en Copenhague, para preparar unha exposición sobre o Entroido galego na capital danesa. “A nosa idea era facer un Entroido pero co frío que fai e que tampouco somos moitos galegos en Dinamarca, non era moi viable, así que despois de coñecer o traballo de O Sil pensamos que sería boa idea contactar co fotógrafo Carlos García para que nos pasara fotos publicadas neses traballos”, explica Raquel, que leva case seis anos en Copenhague.

E así foi. Coas imaxes que lle enviou Carlos e as doutros fotógrafos cos que tamén contactaron (Diego Velo de Arteixo; Keina Espiñeira de Lugo; Xaime Cortizo de Santiago; e Mercedes Vázquez Saavedra de Sarria), xuntaron unha mostra dunhas 25 fotografias que resumen dalgún xeito o Entroido en Galicia que permaneceu aberta do 13 ao 28 de febreiro, nunha das salas do Verdens Kultur Centret, o centro mundial da cultura de Copenhague.

Tal como explica Raquel, acopañando a cada unha das imaxes colocaron un pequeno texto explicando o nome e as características da máscara que nela aparecía, así como o lugar no que é tradicional. O Oso de Salcedo, os Boteiros de Viana do Bolo, as Mázcaras de Manzaneda, os Peliqueiros de Laza, os Cigarróns de Verín, as Pantallas de Xinzo, os Xenerais da Ulla,… Personaxes vinculados a unha celebración que para os galegos e  moi especialmente os ourensáns se vive con gran intensidade e tradición, e que sorprendeu aos daneses “porque relacionan o Carnaval con Brasil e non tiñan nin idea de que en Galicia se vivía deste xeito. Pareceulles moi exótico”, di Raquel, asegurando que foi unha iniciativa “innovadora” que tamén sorprendeu aos españois que como ela viven en Dinamarca.

Na galería de imaxes podemos ver diferentes perspectivas da exposición. Baixo estas liñas, dúas das fotos da revista Entroido en Galicia do Periódico O Sil que formaron parte da mostra.

 

Folión de Lardeira, A Pobra de Trives. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Oso de Salcedo, Lugo./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button