En portada

O Entroido ourensán no encontro Eixpressões, en Portugal

Trátase do 5º Encontro de Teatro Popular do Noroeste Peninsular que se celebrará no Largo das Neves o 10 e 11 de xullo
O Folión Os Labregos tocará de novo en Eixpressões./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O Folión Os Labregos tocará de novo en Eixpressões./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Por terceiro ano consecutivo, o Folión Os Labregos de Trives levará o son do Entroido do oriente ourensán a Portugal. O ritmo dos seus bombos e aixadas e as carreiras dos seus Boteiros poderán verse no marco do 5º Encontro do Teatro Popular do Noroeste Peninsular, que se desenvolverá a mediados de xullo en dous escenarios diferentes: Largo das Neves e a cidade de Viana do Castelo.

Pero non será a única celebración tradicional ourensá presente nesta cita. Eixpressões reunirá 20 manifestacións culturais e máis de 350 participantes de Galicia e Norte de Portugal. “Serán máis de 8 horas de espectáculos con diversidade e afinidades. Un retrato dinámico e interactivo que permitirá evidenciar a interface entre o erudito e o popular e o vell e o novo, mais, tamén, a mestura de textos, mímica, máscaras, traxes, música, danzas e cantos que cohabitan no noroeste peninsular. Ou sexa, unha profunda demostración do patrimonio das comunidades”, din dende o Núcleo Promotor do Auto da Floripes 5 de Agosto, organizador do evento co apoio da Câmara Municipal de Viana do Castelo.

O programa comezará do 10 e 11 de xullo na localidade de Largo das Neves. Alí será onde desfilará o folión trivés o 11 de xullo a partires das 20:30h. (hora lusa). Nesa fin de semana será o único representante ourensán neste encontro, no que tamén estarán presentes outras manifestacións galegas como son as Danzas das Espadas e Penlas (Redondela, Pontevedra) ás 22:30h. e a Queimada do Cervo (Cervo, Lugo).

“O Eixpressões–Encontro de Teatro Popular do Noroeste Peninsular, ao ser o maior punto de encontro do teatro popular que pulula no Norte de Portugal e en Galicia, procura divulgar, dinamizar e dar a coñecer, ao mesmo tempo que se reforzan os lazos culturais e o intercambio entre as dúas rexións irmás”, tal e como sinalan dende a organización.

O Folión de Viana do Bolo, nunha das súas saídas./ Foto: Carlos G. Hervella.
O Folión de Viana do Bolo, nunha das súas saídas./ Foto: Carlos G. Hervella.

Na vindeira fin de semana este encontro mudará de escenario e desprazarase ata a praça da República de Viana do Castelo. Alí o 18 de xullo estarán o Folión e os Boteiros de Viana do Bolo e os Troteiros de Bande. Unha hora despois poderá verse o “Baile tradicional de Traballo e Danza Ritual” da man da Escola Provincial de Danza Castro Floxo de Ourense. Ademais ás 23h. interpretarán un baile tradicional de festa. A presenza galega nesta xornada completarase ás 22:40h. coas danzas dos Cobres, das Madamas e Galáns desta localidade pontevedresa, e xa o 19 de xullo coa celebración de “Mouros e Cristiáns” de Mouriscados (Mondariz).

Texto: A.R.

Un grupo de Troteiros de Bande./ Foto: Carlos G. Hervella.
Un grupo de Troteiros de Bande./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button