En portada

O Entroido ourensán, no VII Festival da Máscara en Zamora

Este evento reunirá 28 mascaradas da Península Ibérica na tarde do 26 de setembro
Cartaz deste encontro de mascaradas en Zamora.
Cartaz deste encontro de mascaradas en Zamora.

Dende o Parque da Marina sairá na tarde do 26 de setembro o desfile do VII Festival da Máscara en Zamora. O engado e a forza de ata 28 mascaradas de España e Portugal encherá o centro desta cidade a partires das seis da tarde cun percorrido que pasará por Santa Clara, a praza Maior e a praza Viriato, onde rematará o desfile. Unha vez alí, os grupos farán unha breve presentación.

Das 28 manifestacións carnavalescas que poderán verse, 20 son españolas. E entre elas haberá tres ourensás, que acuden por primeira vez a este evento: os Entroidos de Campobecerros, os Troteiros de Bande e as Bonitas de Sande (Cartelle). Destaca asemade a presenza de mascaradas zamoranas: a Filandorra (Ferreras de Arriba), a Vaca Bayona (Almeida), o Zangarrón (Sanzoles), a Vaquilla e os Cencerros (Palacios del Pan), os Carnavais de Villanueva de Valrojo, os Carochos (Riofrío de Aliste), o Atenazador de San Vicente de la Cabeza, a Danza do Paloteo de Tábara, os Cencerrones de Abejera e o Zangarrón de Montamarta.

As Bonitas de Sande (Cartelle)./ Foto: Ángeles Rodríguez.
As Bonitas de Sande (Cartelle)./ Foto: Ángeles Rodríguez.

A representación española completarase coa Visparra de San Martín de Castañeda (León), os Sidros e a Comedia de Valdesoto (Asturias), os Jurrus de Alija del Infantado (León), os Machurreros de Pedro Bernardo (Ávila), os Cucurrumacos, a Festa da Vaquilla de Fresnadillas da Oliva (Madrid) e as Carantoñas de Aceuche (Cáceres).

Troteiros de Bande./ Foto: Ángeles Rodríguez
Troteiros de Bande./ Foto: Ángeles Rodríguez

Ademais en Zamora poderán verse oito grupos portugueses: os Caretos de Salsas, os Caretos de Ousilhão, os Caretos de Vila Boa de Ousilhão, os Caretos de Grijó de Parada, o Diabo, Morte e Censura; os Caretos de Parada, os Caretos de Aveleda e os Caretos de Baçal.

Se ben o desfile do sábado 26 de setembro será o acto central deste VII Festival da Máscara, o seu programa vai máis alá e inclúe actos xa dende o 25 ao 27 de setembro. Así nestas datas o claustro do Colexio Universitario (San Torcuato, nº 43) acollerá unha mostra de “Artesanía da Máscara”. Entre os expositores haberá seis artesáns de Bragança (Amavel Alves, Antonio J. Fernandes, Victor Anjos, Julieta dos Anjos, Luis F. Rodrigues e Carlos A. Santos) e un de Villanueva de Varojo (Carlos Andrés).

E o mesmo día do desfile, o sábado 26, entre as 11h. e as 13:30hh. na praza de Viriato impartíranse obradoiros de máscaras e debuxo e a partires das 13:30h. contacontos. Pola noite, ás 22:30h. na praza Claudio Moyano poderá desfrutarse co concerto de Raúl Díaz de Dios que presenta o seu novo disco “El Fuelle del Charro”.

Este VII Festival da Máscara será organizado polo Patronato Provincial de Turismo de Zamora en colaboración coa empresa “Directo al Corazón”.

Artigos relacionados

Back to top button