DeportesÚltima hora

O equipo ciclista masculino portugués dirixido por Gustavo César Veloso adestra en Manzaneda

A estación de montaña despide a primavera cunha carreira extrema de montaña para recibir ao verán cunha proba de enduro e o campionato galego de pesca

Equipo ciclista dirixido por Gustavo César Veloso, na Estación de Manzaneda.

 

A Estación de Montaña Manzaneda non baixa o ritmo de actividades e segue sendo o destino de recoñecidos deportistas para os seus adestramentos en altura. Nos últimos días, as instalacións acolleron unha concentración do equipo ciclista masculino portugués dirixido por Gustavo César Veloso, para preparar a tempada.

Con respecto a xuño será un mes cargado de adrenalina cunha carreira extrema de montaña, un campionato de pesca e unha proba de enduro. A primeira das propostas é a Endurama Manzaneda Bike Park, que se desenvolverá este domingo día 5 con seis especiais cronometradas con remonte mecánico. Esta proba de enduro á francesa, que se celebra por primeira vez en España, consta de 6 baixadas, puntuando os tempos de todas elas. Máis dun centenar de participantes daranse cita na Estación de Montaña Manzaneda para gozar da competición.

No caso da Extrema Manzaneda, haberá dúas probas, o 25 e o 26 de xuño, de 12 e 21 quilómetros respectivamente, e tamén unha proba para nenos. Ademais de esixente, será unha competición de gran espectacularidade ao discorrer por un dos teitos de Galicia. Os participantes deberán lidar con desniveis considerables e serán controlados mediante un sistema electrónico de chip, ben no dorsal ou no calzado, para que os tempos sexan 100 % efectivos.

A Extrema Manzaneda coincide en datas co campionato galego de pesca en auga doce de ciprínidos autóctonos con flotador. A competición desenvolverase no encoro de Chandrexa de Queixa os días 25 e 26 de xuño e participarán unhas trinta persoas. O gañador clasificarase para a Copa-España 2023, mentres que os seis primeiros que non formen parte da Selección Galega, pasarán a facelo.

Artigos relacionados

Back to top button