ConcellosEn portadaÚltima hora

O equipo de goberno barquense aproba en solitario os orzamentos

Neste mesmo pleno a oposición criticaba duramente o feito de terse enterado pola prensa da dedicación exclusiva da concelleira de Cultura

 

 

Con nove votos a favor o equipo de goberno municipal do Barco, que preside o socialista Alfredo García, sacaba adiante o seu proxecto de orzamentos para o 2020 cun importe de 9.840.618,38 euros na sesión plenaria da tarde do 18 de decembro. Non lograba o respaldo da oposición, na que o edil do BNG e o de Riada Cidadá se abstiñan, mentres que os cinco concelleiros do PP votaban en contra.

O voceiro socialista, Aurentino Alonso, falaba dun orzamento que “volve ter un incremento sen necesidade de pedir préstamos hipotecarios, o que permite que neste exercicio se avance de novo de xeito significativo no plan de investimentos presentado hai uns anos. O incremento será aínda máis importante cando se incorpore o superávit”.

Ademais cualificaba este orzamento de “moi realista tanto no que atinxe aos ingresos como aos gastos” e referíase de xeito especial ao capítulo inversor cifrando “o investimento real e máis o inicialmente previsto e pendente de financiamento” en preto de 1.700.000 euros.

As súas palabras non convencían á oposición. Así o voceiro do BNG, Suso Vilasánchez, amosaba a súa estrañeza de que na orde do día figurase antes o punto do orzamento que o de aprobación do plan estratéxico de subvencións 2020-2023. Manifestaba tamén o seu desacordo con que os orzamentos se teñan levado a un pleno con numerosos puntos e a mediados de decembro. “A responsabilidade de decidir téñena vostedes sos. Isto tíñano que ter presentado para que fose debatido meses antes”, dicía o edil nacionalista. Tampouco Riada Cidadá estaba dacordo, “pero como non temos alternativas, imos absternos”, dicía o seu único concelleiro, Félix Yáñez.

 

 

De maneira similar se manifestaba a voceira do grupo municipal do PP, Sabina Aguado. “Neste pleno trátanse bastantes temas de relevancia tarde e fóra de prazo, pero polo menos o próximo ano imos ter orzamentos porque os deste exercicio estiveron prorrogados. As cousas non melloran e os problemas seguen sendo os mesmos”, dicía a concelleira popular, que cualificaba os orzamentos de “autocomplacentes, continuistas e carentes de ideas porque non se preocupan dos problemas fundamentais dos cidadáns. Faltan plans de futuro, promoción e mellorar moitos aspectos”.

Aguado botaba en falta neses orzamentos cuestións como medidas para incentivar a natalidade, para promover o emprego, así como a actividade empresarial e o comercio, un maior número de aparcamentos, a creación dun museo, etc. “Será un ano perdido”, concluía.

No turno de réplica, o alcalde do Barco respondíalles por partes. Con relación ao BNG, matizaba que “dá igual que o plan estratéxico e de subvencións vaia antes que despois na orde do día, tamén o podíamos ter aprobado nun pleno anterior ou noutro posterior”. E indicaba que nos orzamentos “non houbo ningunha imposición”.

 

 

Sobre a intervención do PP, Alfredo García dicía que o “orzamento chega tarde, pero aprobámolo en tempo”, e con relación ás cuestións que os populares botaban en falta no documento aseguraba que “o Concello ten as competencias que ten e hai cousas que non son da nosa competencia como, por exemplo, os servizos sociais e o emprego”.

Tamén cos únicos nove votos socialistas aprobábase o plan estratéxico de subvencións 2020-2023, no que a oposición manifestaba o seu rexeitamento ao feito de que máis do 90% delas se concedesen por convenios nominativos e non por concorrencia competitiva. Novamente Riada Cidadá e BNG abstíñanse, mentres que o PP votaba en contra.

Tenso debate sobre a modificación da dedicación exclusiva da concelleira de Cultura

No terceiro punto da orde do día sometíase a votación a modificación do cargo con dereito a dedicación exclusiva que ata agora tiña o alcalde. “Supón unha reorganización da actividade do grupo de goberno pola xubilación do alcalde como mestre, isto sería incompatible con cobrar esa dedicación, polo tanto, redistribuíronse os campos de traballo e a segunda tenente de alcalde (Margarida Pizcueta) pasa a recoller unha parte desa dedicación que ten o alcalde. Só é unha redistribución de traballo, nada máis”, aseguraba o voceiro municipal socialista, Aurentino Alonso.

 

 

O punto resultaba aprobado só cos votos do grupo de goberno, o que suporá que Margarida Pizcueta, que tamén é edil de Cultura, cobrará 30.000 euros ao ano a partir do 2020 coa súa dedicación. O BNG e Riada Cidadá optaban pola abstención, mentres que o PP votaba en contra.

A oposición entraba nun tenso debate non que criticaba e manifestaba o seu malestar polo feito de terse enterado pola prensa desta modificación na dedicación exclusiva. “Hai falta de información á oposición, á que están desprezando e ninguneando”, resaltaba Féliz García. Da mesma maneira se pronunciaba o edil do BNG, “gustaríanos que nolo dixera antes e non que tiveramos que enterarnos destas cousa pola prensa”.

Os concelleiros populares, pola súa banda, manifestábanse “ofendidos e molestos” por esa mesma cuestión. E engadían, mantendo tamén unha argumentación exposta por Riada Cidadá, que “as dedicacións exclusivas teñen que estar xustificadas, levan aparellado un traballo. O alcalde hai dous ou tres anos podía coa presidencia da Fegamp, coa presidencia do Eixo… e agora que vai deixar iso é cando ten que redistribuír as súas funcións. Nós non o cremos e o resto do pobo tampouco”, resaltaba Sabina Aguado.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button