DeportesÚltima hora

O equipo feminino do Adas, a pola Copa Galega de Clubs en pista cuberta

Raquel Lameiro en triple e Sandra Mosquera nos 3.000 m. competirán, entre outras atletas, coa camiseta do club valdeorrés o 13 de xaneiro en Ourense
Raquel Lameiro nunha competición ao aire libre./ Foto: Adas.

A XV Copa de Clubs de pista cuberta, dará o vindeiro domingo 13 de xaneiro na cidade de Ourense o pistoletazo de saída ás grandes citas por equipos en Galicia. Un total de dezaseis equipos e preto de 250 atletas xuntaranse nesta cita deportiva na procura deste prezado título galego. “Trátase dunha das competicións máis vibrantes e vistosas de cantas se poden disfrutar no calendario atlético de probas oficiais nesta tempada”, destacan dende a Federación Galega de Atletismo.

Entre os clubs que disputarán o título estará, dentro da categoría feminina, o  Adas Proinor do Barco, que se enfrontará co Atletismo Feminino Celta, Ría Ferrol ou Ximnástica de Pontevedra. A nivel individual pódese destacar a atletas como a petinesa Raquel Lameiro en triple e Sandra Mosquera nos 3.000 m., que competirán coa camiseta do Adas, mentres que vestirán as cores do A. Femenino Celta Eva Quimaño en altura, Andrea Pais nos 200 m. e Alice Marie Genevieve nos 1.500 m.

Xa na categoría masculina, o equipo da Ximnástica de Pontevedra parte como favorito logo de impoñerse nas catro últimas edicións, malia que haberá que agardar ao que faga o Celta, quen xa desbancou aos pontevedreses do título de aire libre do ano pasado. Dentro dos clubs masculinos presentes nesta cita figura tamén o Ourense Atletismo.

 

Artigos relacionados

Back to top button