CulturaCulturaÚltima hora

O escritor Xosé Carlos Caneiro presenta o seu novo libro “Verín de Verín”

A obra, un conxunto de historias de Verín, presentarase no Auditorio do municipio o 29 de marzo ás 20:00 horas e contará coa presenza de Román Rodríguez, Gerardo Seoane e Emilio Rúa

O vindeiro 29 de marzo, ás 20:00 horas, o Auditorio municipal de Verín acollerá a presentación do novo libro do escritor Xosé Carlos Caneiro, “Verín de Verín”, un relato de variadas historias cun eixo común: Verín. O autor estará acompañado por Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Gerardo Seoane, alcalde de Verín, e Emilio Rúa, cantautor ourensán, quen amenizará a xornada con música en directo.

“Verín de Verín” é o primeiro libro da colección da nova editorial Conmar Editora. A obra contén textos de Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963), no que o humor e a vila natal do escritor son o seu fío condutor, cun amplo elenco de personaxes como centro narrativo.

Dende Conmar Editora cren que “nunca foi máis necesaria a capacidade de facer rir ás persoas. Saímos ou estamos a saír dun episodio funesto que a maioría de nós pensamos que nunca podería acontecernos. Pasamos pola dor, a tristeza, a ansiedade e o abatemento dos seres humanos. Esta admonición da tristeza notouse, tamén, en institutos, universidades e centros de ensino en xeral. Aí pretendemos levar a obra de Xosé Carlos Caneiro, coa súa presenza e coa lectura de “Verín de Verín” “.

O libro toma como fundamento o particular, o pequeno, para intentar convertelo en xeral ou universal. Partir do “Nós” (co noso diferenciado modo de ser e a nosa retranca) para debuxar situacións de fino humor que poidan chegar a calquera parte do mundo.

 

 

 

O xurdir de Conmar Editora

Conmar Editora é un novo proxecto editorial creado en Galicia, concretamente en Verín (Ourense), co desexo de publicar obas en diferentes formatos que teñen como guía a calidade literaria. Centraremos a nosa atención en libros diferentes, orixinais e con argumentos estético suficientes para atraer a atención dos lectores.

“Verín de Verín” abre o camiño e é a primeira acción cultural, en forma de libro, de Conmar Editora, unha empresa que ata o momento tivo como principais focos de atención a realización de recitais poéticos, organización de eventos de índole literaria, ou participación en diversas actividades culturais. Co cantautor Emilio Rúa e co escritor Xosé Carlos Caneiro realizáronse algunhas das actividades citadas.

Xosé Carlos Caneiro

Diplomado en Maxisterio e Licenciado en Xeografía e Historia. Asesor do Centro de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Profesor do curso “Arte da Ficción e Creación Literaria” da Universidade de Vigo. Vicepresidente de Afundación, Obra Social de Abanca.

Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) comezou a publicar no ano 1984. É autor de trinta e oito libros, ademais de numerosas obras colectivas e antoloxías, traducións, conferencias, cursos e artigos periodísticos. “Un xogo de apócrifos”, “Ébora” ou “Ámote” son tres das súas novelas. Escribiu tamén a biografía Jorge Luís Borges e outros ensaios sobre literatura novelista valeulle os premios Nacional da Crítica, Xerais, Blanco Amor, Torrente Ballester, Eixo Atlántico, García Barros, Lueiro Rey, Risco, etcétera, e foi finalista do Premio Nacional de Narrativa. Actúa habitualmente co cantautor Emilio Rúa en espectáculos poético-musicais. A súa obra está taducida a varios idiomas.

A súa obra foi estudada por diversos investigadores, sobresaíndo a tese que a doutora Olivia Pena realizou sobre o estilo na obra de Caneiro, merecedora da máis alta cualificación, sobresaliente cum laude, en xuño de 2008. A través dunha rigorosa análise científica a autora equipara a obra de Caneiro coa dos máis relevantes escritores da literatura contemporánea.

Artigos relacionados

Back to top button