OurenseÚltima hora

O escultor Manuel Buciños será Fillo Adoptivo da provincia de Ourense

“Diario de artista” é un conxunto de actividades que se organizan en recoñecemento de Buciños, que comezan cunha exposición que se inaugura hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel

O artista homenaxeado, Manuel Buciños.

 

O escultor Manuel Buciños será Fillo Adoptivo da provincia de Ourense, unha distinción coa que a institución provincial “quere recoñecer os méritos e a traxectoria deste irmán da Ourensanía, un militante activo de Ourense, no que destaca o seu compromiso persoal e profesional coa nosa terra”.

Así o anunciaba o presidente da Deputación de Orurense, Manuel Baltar, na presentación de “Diario de artista”, un conxunto de actividades que se organizan en recoñecemento de Buciños, as cales comezarán cunha exposición que se inaugura hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e que terá a súa continuidade cun faladorio no Teatro Principal e cun libro, que teñen como protagonista ao escultor.

 

Anxo Lorenzo, Manuel Buciños, Manuel Baltar e Xesús Vázquez, na presentación.

 

Este proxecto cultural engloba tres actividades: a exposición, que permanecerá aberta ata o 3 de maio na que adquiren protagonismo o artista e o seu taller; un faladoiro no que o xornalista e escritor Camilo Franco e outros convidados manterán unha conversa con Buciños sobre as súas anécdotas persoais e profesionais; e un libro, Diario de artista. Buciños, que é unha achega á vida do escultor, con textos e cunha reportaxe fotográfica do artista e do taller, así como das súas obras.

O acto de presentación das actividades contou, ademais do presidente da Deputación, co propio escultor, Manuel Buciños; o presidente da Fundación “Xoán Piñeiro”, Xesús Vázquez, e o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.

 

Artigos relacionados

Back to top button