Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O escultor Ramón Conde regresa a Ourense coa súa exposición “Soliloquios”

A mostra poderá visitarse ata o 15 de decembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel

 

Sete anos despois da súa última exposición en Ourense, o escultor Ramón Conde regresa á cidade das Burgas cun novo traballo, “Soliloquios”, unha mostra que poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 15 de decembro.

Na inauguración, que tiña lugar o venres 8 de novembro, o autor asegurou que esta sala é para el “a máis querida de todas nas que expuxen”, explicando que os seus traballos son “como un novo capítulo nun libro, porque as novas exposicións desenvolven algún aspecto implícito na anterior mostra, ou aborda algún outro aspecto próximo a ese mesmo tema”.

En canto a súa traxectoria, o escultor ourensán explicou que co paso do tempo é normal “centrarse nuns temas ou nunha forma de ver determinante que é como típica túa. No meu caso, o aspecto da individualidade persoal e as relacións de uns individuos con outros, como se xera o poder ou como unhas persoas dominan a outras, veñen sendo o leimotiv do tópico meu”.

 

Algunhas das figuras que forman “Soliloquios”.

 

Normalmente, na súa obra poden observarse “dúas personaxes emblemáticas: un é o tipo de figuras gordas moi características miñas, e outro máis musculoso que se desenvolveu despois pero que é complementario incluso, as veces, parece a mesma personaxe”, sinalou Ramón Conde, quen engadiu que practicamente toda a súa traxectoria está “determinada por estas dúas personaxes que ata certo punto son a mesma. Nun son claramente masculinos e, no outro, roza o tema da ambigüidade, poden ser masculino, feminino ou unha mestura de ambas”. De entre as figuras de grandes dimensións que ocupan o espazo expositivo, destacan algunhas como a do “mito de Pigmalión que é un ideal de que a obra sobrevive”. Ademais, o erotismo é un compoñente nestas obras, pero non o elemento fundamental para Ramón Conde. “Está presente co engadido dun ton irónico”, apuntou o escultor.

Algunhas das figuras de “Soliloquios” tamén amosan emocións nos seus rostros, como un exemplo entre o que o artista trata de comunicar e o que percibe o público. De feito a autorreflexión é a fonte de inspiración de Conde que tamén o levou a decantarse polo título da obra. Para a súa creación usou materiais como resina, bronce ou lfibra de vidrio.

Natural de Ourense, o artista Ramón Conde reside actualmente en Santiago de Compostela tendo o seu estudo en MIladoiro. Ao longo da súa traxectoria profesional, moldeou numerosos bustos por encargos, nos que perfecciona as súas condicións de escultor e participa en certames públicos dos que son resultado as súas cabezas monumentais de Valle-Inclán, Alfredo Suárez Ferrín na Coruña e Pablo Iglesias Posse en Ourense, que dan unha idea da súa evolución desde un realismo tradicional ao ciplopeismo que caracterizará a súa obra persoal nunha modelaxe vigorosa. As súas obras atópanse en coleccións públicas e privadas, e tamén no museo provincial de Lugo, o Carlos Maside da Coruña e o CGAC de Santiago de Compostela.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button