CulturaCulturaÚltima hora

O esferoide perforado do Valiño (Cartelle), Peza de Maio do Museo Arqueolóxico de Ourense

Esferoide perforado do Valiño (Cartelle)./ Foto: Fernando del Río.

 

Feito en anfibolita, de forma globular, superficie lisa e sen adornos, o esferoide perforado do Valiño está considerado unha peza excepcional en Galicia. Foi depositado no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense por Eladio Martínez Estévez “e procedía, segundo el, dun túmulo da paraxe do Valiño (Trezas, Cartelle)”. Así o lembra o arqueólogo José María Eguileta Franco na publicación sobre este singular artefacto con motivo da súa elección como “Peza do Mes” de maio do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Ao tratarse dun achádego casual, os investigadores carecen de elementos contextuais, agás a procedencia dun túmulo megalítico; pero, volvendo a ollada cara outros elementos perforados dos megalitos galegos que si teñen contexto, considérase que podería situarse “nun período non anterior a finais do IVº milenio antes de Cristo e non posterior aos inicios do IIº”, matiza Eguileta Franco.

Ten un diámetro maior de 77 mm, un diámetro máximo da perforación de 34 mm e un diámetro mínimo da perforación de 21 mm. “Os artefactos pulimentados perforados, especialmente mazas e dobres sacholas ou dobres machadas, son escasos nos túmulos megalíticos, non só no noroeste”, destaca José María Eguileta que, sobre a súa posible funcionalidade, apunta que “sería compatible co dun centro ritual”.

Artigos relacionados

Back to top button