ConcellosPetínÚltima hora

O esperado regreso da Sonora Petinesa, un éxito trala II Cea Popular de Petín

Publicidade

 

Moi animada estivo a xornada do sábado 4 de xuño en Petín, especialmente pola tarde-noite. Trala apertura da IX Feira de 1812, cunha corentena de postos de artesanía, alimentación e viño na contorna da praza Doutor Quiroga, pasadas as dez e media da noite comezaba a II Cea Popular con case 400 comensais no patio do Teleclub. E inmediatamente despois, xa de madrugada, chegaba o momento máis esperado do día, a actuación na praza da Sonora Petinesa que, trala retirada hai xa seis anos, regresaba aos escenarios por todo o alto.

A orquestra nacía no ano 2012 da man dun grupo de veciños de Petín, entre eles o alcalde Miguel Bautista, para cubrir un día do programa das Festas de Santiago e Santa Ana con gran aceptación por parte da poboación e dende ese momento, a agrupación local actuaba nas festas de xullo e tamén na Festa da Freba,  chegando incluso a tocar nalgunha edición da Feira de 1812.

 

A Sonora Petinesa no concerto deste sábado en Petín.

 

E precisamente no marco desta feira que nesta fin de semana traslada a Petín ao século XIX, decidían regresar  despois de case seis anos sen tocar. En 2016 despedíanse dos escenarios pero neste 2022, pode que por recuperar a alegría e a festa tralos dous duros anos de pandemia, volvían actuar e diante dun entregado público, volvían triunfar.

Haberá que esperar ata as festas de xullo, para saber se este concerto foi puntual ou regresaron para quedar. Polo de pronto Petín bailou e vibrou unha vez máis ao son da Sonora Petinesa.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button