En portadaÚltima hora

O exitoso Mercadiño de Nadal de Rubiá clausúrase cun magosto e cun sorteo

Ao longo da fin de semana rexistrábase unha gran afluencia de persoas no recinto da mostra, con 17 postos e situado nunha carpa na praza do Concello

 

Numerosas persoas visitaban ao longo desta fin de semana o recinto feiral do Mercadiño de Nadal de Rubiá, instalado nunha carpa de grandes dimensións situada na praza do Concello e cunha ampla variedade de postos de artesanía, gastronomía e agasallos. A mostra pechaba as súas portas na tardiña deste 5 de decembro coa celebración dun magosto para os asistentes no que, ademais das tradicionais castañas, había empanada e chourizos.

No acto de clausura da mostra procedíase ademais a entrega de agasallos entre os responsables dos 17 expositores participantes nesta edición, de mans do alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, e da concelleira de Cultura, Laura Iglesias, “era un detalle para agradecerlles a súa presenza, por vir ata Rubiá e facer que este mercadiño funcione, porque sen eles e sen a xente que nos vén a visitar non funcionaría”, comenta a edil de Cultura.

 

 

Así mesmo sorteábanse tres cestas de agasallos, con produtos doados polos postos do mercadiño entre as persoas que realizaban as súas compras nel nesta fin de semana. En concreto tocábanlle a tres veciñas de Rubiá.

Dende o Concello de Rubiá faise un balance moi positivo desta quinta edición do Mercadiño de Nadal e amósase o seu agradecemento tanto aos numerosos participantes como aos responsables dos postos. “Falamos cos expositores e cos visitantes e todos nos transmitiron que estaban moi agradecidos e dicíannos que foi unha boa iniciativa. Pensamos que hai que facer cousas e isto é unha mostra diso, ademais a totalidade das persoas que pasaron polo mercadiño respectaron as medidas de seguridade dentro da carpa. Ademais o importante é que si houbo boas vendas e que os responsables dos postos daban a coñecer os seus produtos na zona”.

Fotos cedidas polo Concello de Rubiá.

Artigos relacionados

Back to top button