EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O experto en velutina Lolo Andrade aborda en Valdeorras a problemática deste insecto invasor e como loitar contra el

Impartía na mañá do 10 de novembro unha charla formativa en Vilamartín, organizada pola Asociación Valdeorresa de Apicultores

O mellor xeito de plantarlle cara á Vespa velutina é saber como é e se comporta este insecto invasor, así como coñecer os métodos, instrumentos e materiais máis eficaces e seguros para loitar contra el. De aí a charla formativa  impartía na mañá do 10 de novembro no Centro Cultural Santa Lucía de Vilamartín o experto Lolo Andrade, entomólogo e técnico de Protección Civil de Cambre. Estaba promovida pola Asociación Valdeorresa de Apicultores.

Esta é a segunda ocasión na que este especialista na loita contra a velutina acude como docente a Valdeorras, tras a sesión formativa que daba en novembro do pasado ano na Rúa. Neste caso, o seu relatorio era máis específico e profesional e estaba dirixido principalmente a apicultores e a membros de Protección Civil e de GES, xa que estes últimos son os que acostuman actuar cando hai avisos de localización de niños desta especie. Así, na sala contábase coa asistencia de apicultores de diferentes puntos da comarca e de representantes do GES Valdeorras e das agrupacións de Protección Civil de Vilamartín, O Bolo, A Rúa e Petín.

 

Lolo Andrade nun dos momentos da charla sobre destrución, neutralización ou retirada de niños de velutina./ Foto: Teodoro Suárez.

 

Lolo Andrade comezaba esta acción formativa (que se desenvolvía entre as 10:30h. e as 14h.) rodeado de gran cantidade de material que logo empregaba na súa exposición, entre o que había niños e memos larvas de velutina. Comezaba cunha introdución sobre a Vespa velutina e o seu ciclo de vida, para logo centrarse nos tipos de niños (de raíña, primarios e secundarios), e, despois, meterse de cheo en como actuar e na metodoloxía, ferramentas e material precisos para neutralizalos e destruílos, así como nas medidas de seguridade e protección, tanto individual como do medio ambiente, que deben tomarse. A súa charla, plantexada de forma amena e moi práctica, íase intercalando coas intervencións dos asistentes que plantexaban as súas dúbidas ou preguntas.

Coa organización desta conferencia a Asociación Valdeorresa de Apicultores, que preside Armando Rodríguez, pretende achegar formación e coñecemento para loitar contra a problemática que supón a Vespa velutina para o sector apícola e para outros da comarca como o do viño, ademais de para a propia poboación en xeral. “Temos que ser conscientes do problema que se nos aveciña, no que vai deste ano xa se retiraron ou neutralizaron uns 20 niños na comarca de Valdeorras, e en Quiroga tamén foron numerosos”, di Armando Rodríguez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button