ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O experto Lolo Andrade destrúe dous niños de velutina a gran altura en Valdeorras

Un deles estaba en Portela (Vilamartín) e nel disparaba munición con veleno, mentres que o outro, localizado no Aguillón rues, facíao explotar

 

Primeiro no Aguillón da Rúa e logo en Portela (Vilamartín). Esta é a segunda ocasión na que o experto en Vespa velutina Lolo Andrade, entomólogo e técnico de Protección Civil de Cambre, vén a Valdeorras para destruír niños de difícil acceso desta especie invasora.

Así, tras o labor realizado o pasado outono en varios niños da comarca, desta volta regresaba na mañá do 26 de outubro para neutralizar dous niños de gran tamaño e a gran altura usando dúas técnicas moi diferentes. No caso do niño localizado no Aguillón usaba un petardo para facelo explotar.

A continuación, en Portela (Vilamartín de Valdeorras) empregaba, por vez primeira en Valdeorras, unha especie de munición á que lle inoculaba un veleno e que introducía no niño a través de repetidos disparos. “O veleno leva un aditivo que a velutina colle na boca e que se van traspasando unhas a outras. Tardarán 3-4 días en morrer”, comentaba Andrade, que estimaba en 3.000 o número de exemplares deste niño.

 

 

 

Nestas intervencións Lolo Andrade estaba acompañado por membros de Protección Civil da Rúa, de Petín, de Vilamartín e do Bolo, así como polo presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez, e no caso da Rúa tamén pola Policía Local, que acordoou a zona.

Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores recoméndase non realizar desbroces ata xaneiro, ante o risco que pode supor que haxa niños na maleza ou no chan, xa que “neste época do ano é canto máis grandes son e están cheos de avespas. A partires de decembro, cando comezan as xeadas, as avespas morren e nos meses de xaneiro, febreiro e marzo non hai perigo para desbrozar”, asegura Armando Rodríguez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button