CulturaCulturaÚltima hora

O Festival de Curtas de Verín organiza media ducia de actividades paralelas para todos os públicos

Publicidade
As primeiras confirmadas son “Dereito e cinema”, “A memoria da raia” e Animacam como festival convidado
Imaxe dunha das actividades paralelas da pasada edición
do FIC.

Co obxectivo de “dinamizar a axenda cultural verinesa para divulgar o cinema entre todos os públicos”, a organización do Fic Vía XIV de Verín está a organizar unha unha serie de actividades paralelas como parte da programación que se desenvolverá do 1 ao 9 de decembro na vila do Támega.

Unha das actividades xa confirmadas é “Dereito e cinema“, unha iniciativa que pretende analizar o movemento Law and Cinema, que xorde con forza nos anos 90 do século pasado nas universidades norteamericanas e, dende alí, é importado con éxito por un bo número de facultades de Dereito europeas, que van incorporando o recurso do cinema nas clases, seminarios, congresos, relatorios, cursos, etc. Coa película como banco de imaxes, nesta actividade haberá ocasión de falar da institución do xurado, da presunción de inocencia, da proba xudicial e de todas as cuestión que o público queira plantexar e discutir.

Dende o FIC tamén adiantan que o festival convidado neste ano será o Animacam Animation Film Festival, unha iniciativa nada en Ourense hai case oito anos que se singulariza por constituír o primeiro festival internacional online de curtas de animación do mundo. Independente e de balde, este festival engloba obras tanto de autores recoñecidos coma de novéis e dá cabida a unha ampla variedade de xéneros e técnicas de animación. No marco do Fic Vía XIV poderá verse unha selección de curtas proxectadas no marco de Animacam en anos recentes.

Outra das actividades previstas nesta edición é “A memoria da raia” articulada ao abeiro dun documental homónimo que foi realizado por tres mozas da comarca de Verín. Trátase dun traballo que amosa a solidariedade existente na frontera entre Galicia e Portugal e aborda as características culturais, económicas e políticas do feito fronteirizo na zona sur de Ourense e que foi exhibido recentemente en Verín, con grande éxito de público. Miriam González, natural de Medeiros (Concello de Monterrei); Iris Justo, de Verín e Andrea Pérez, de Albarellos de Monterrei son as tres realizadoras da obra e todas elas participarán nesta actividade paralela do FIC Vía XIV, que mestura disciplinas artísticas nas que fotografía, vídeo e ilustración ofrecerán unha experiencia multisensorial nun emprazamento singular.

 

Artigos relacionados

Back to top button