OurenseÚltima hora

O Festival de Teatro Galego cumpre 30 anos no Carballiño

Celebrarase do 2 ao 6 de setembro e contará coa presenza de dez compañías de teatro e novo circo

Presentación da XXX edición do FETEGA (Festival do Teatro Galego).

 

Cun completo e variado programa de actividades para os asistentes, se presenta o Festival de Teatro Galego (FETEGA) que celebrará do 2 ao 6 de setembro a XXX edición no Carballiño. A presentación tiña lugar na mañá do 22 de agosto no Pazo Provincial, coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o representante da empresa Montañesa, Manuel Carballeda; algúns dos actores e actrices presentes nesta edición do Festival; e a directora do FETEGA, Josi Lage.

lage foi a encargada de expoñer as novidades do 30ª aniversario deste evento que pasará a chamarse Festival de Teatro Galego “Celso Parada”, en homenaxe “a este actor e director vital das artes escénicas galegas, que nos deixou recentemente”. a directora do FETEGA tamén destacou, o incremento da programación a cinco días; o ciclo de monólogos; e o aumento das categorías dos premios que pasan a ser seis: Premio de Honra, Premio á mellor actriz, Premio ao mellor actor, Premio ao mellor espectáculo, Premio ao mellor espectáculo de rúa e o Premio ao mellor monologuista cómico.

O alcalde do Carballiño pola súa banda asegurou que a celebración deste Festival significa para o municipio “compromiso coa cultura, implicación de moita xente e unha plataforma para actores do teatro galego”; mentres que Rosendo Fernández, salientou a importancia da colaboración público e privada para poder desenvolver estas iniciativas que “dinamizan a actividade cultural do rural”.

 

Os asistentes á presentación do 30 aniversario do FETEGA.

 

Con respecto á programación, as representacións que se celebrarán no Auditorio Municipal do Carballiño, ás 22 horas, comezarán o luns 2 de setembro coa obra Anatomía dunha serea, da compañía Iria Pinheiro-A Berbechería-Chévere; o martes 3 de setembro, será a quenda para a obra Compañeira de piso, da compañía Contraproducións; o mércores 4 de setembro subirá ao escenario a companía Chévere coa obra Curva España; e ao día seguinte, o 5 de setembro, actuará a compañía Redrum Teatro coa obra Idiota. O venres 6 de setembro, pechará a programación a compañía Enconarte Producciones, coa obra Monstruación. Será tamén nesa mesma xornada a Gala e entrega dos premios “Dorotea Bárcena”, conducida por Marían Bañobre.

O Anfiteatro será outro dos escenarios das actividades programadas que darán comezo o luns día 2 coa actuación Catro 4’’ segundos (Novo Circo da Compañía ÍO); o 3 de setembro será a compañía Dani García a que protagonice Don Gelati (Maxia Clown); o 4 de setembro tocaralle á compañía Excéntricas con “Cartoóns” (Comedia Clown); o 5 de setembro será a quenda para Asacocirco co espectáculo Lume (Circo Performático). E xa o venres 6 de setembro pechará as actuacións a compañía Sue Moreno co espectáculo Sue Moreno 4.0 (Circo acrobático). Os espectáculos serán todos ás 19 horas.

Como actividades paralelas haberá animación de rúa; un coloquio de creadoras baixo o título “Arte con nome de muller”; obradoiros; monólogos cómicos;e actividades infantís. O prezo das entradas para as funcións no Auditorio é de 5 euros, e para os monólogos é de 3 euros, mentres que o resto das actividades serán de balde.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button