CulturaCulturaMúsica

O Festival Eidos de Outono desenvolverase en Folgoso do Courel, do 30 de outubro ao 1 de novembro

Entre as artistas participantes confirmadas están Uxía e Wöyza

 

Esta mañá presentábase en Lugo o Festival Eidos de Outono, que se celebrará en Folgoso do Courel e conta cunha achega de 49.500 euros da Xunta de Galicia. No actor participaba o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto coa alcaldesa do municipio, Lola Castro; o secretario da Fundación Uxio Novoneyra, Uxío Novo; Xaime Casas, director de Eidon Música -promotora do evento-, así como dúas das artistas confirmadas, Uxía e Wöyza.

O festival desenvolverase entre os días 30 de outubro e 1 de novembro na Praza do Concello de Folgoso e na sede da Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel. Mestura músicas de vangarda, poesía e natureza, e contará coas actuacións citadas de Uxía e Wöyza & The Galician Messengers xunto co grupo Califato 3/4, Rodrigo Cuevas, Babykatze, Sila Lua, Marta Toro e Xabi B.

Igualmente, está prevista unha lectura de Os Eidos. O libro do Courel, de Novoneyra, máis un roteiro de avistamento de aves co biólogo Xabier Vázquez Pumariño.

Este evento, que cumpre a súa segunda edición, é a extensión musical do Festival dos Eidos, que se vén celebrando no verán dende 2015 no Courel; “esperamos que esta nova proposta se consolide tamén como un referente no ámbito cultural da provincia”, afirmou Arias.

Arias explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia colaboran nesta medida extraordinaria de apoio ao sector musical no marco da programación conmemorativa do Ano Santo. A iniciativa pretende reactivar a actividade empresarial e artística neste ámbito, e recuperar a programación cultural en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico, como é o caso de Folgoso do Courel.

 

Artigos relacionados

Back to top button