CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O Festival Internacional de Curtas de Verín baixa o pano dunha IV edición de “calidade e prestixio cinematográfico”

“Santa Baia de Montes” da vianesa Sabela Souto, recibiu o Premio Especial do Público á Mellor Curta

 

Despois de sete días de proxeccións e coa “calidade e prestixio cinematográfico” como pedras angulares, a IV edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín baixaba o pano na noite do 7 de decembro no Auditorio Municipal, cunha gala de clausura en clave de humor, reivindicativa e cargada de música e sorpresas, que contou coa presenza de representantes de diferentes sectores (política, Administración, comercio, cultura,…).

O acto, conducido un ano máis pola actriz ourensá Ledicia Sola, nesta ocasión en solitario, arrancaba con música a cargo de Xabier Baz e a Film Band encargados de amenizar toda a cerimonia cun repertorio de bandas sonoras. A partires de aí, ao longo de máis dunha hora e media, houbo tempo para o humor da man da presentadora, e para as reivindicacións en apoio ao peche do paritorio no Hospital de Verín, con sucesivas alusiónse en favor deste servizo. Tamén houbo tempo para as homenaxes como a que lle rendiron a Nonito Pereira, quen calificara a Verín como “A Toscana galega”, recentemente falecido, cun agasallo que Jorge Godás (membro da organización) entregaba ao seu fillo. A outra homenaxeada da noite era Mabel Rivera, actriz ferrolá que recibía unha careta de Cigarrón, despois de ter participado no festival proxectando varias curtas nas que ten traballado e compartido un encontro co público. Tamén ela tivo palabras de apoio ao Hospital, adicándolle o premio “aos neniños que están por nacer e que teñen dereito a facelo aquí”.

 

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane.

 

No decurso do certame falou o alcalde de Verín Gerardo Seoane, quen  sinalou en nome do Concello de Verín, que “xa podemos lembrar parte da nosa biografía recente grazas ao FIC. En Verín, estamos orguiosos de contemplar a madurez do noso quimérico museo de formas este Festival Internacional de Curtas Vía XIV que este ano chegou a súa cuarta edición”. E xa a modo de clausura, o director do Festival Carlos Montero asegurou ter acertado coa programación. “É un feito incontestable”, manifestou, engadiu que “moitas das pezas exhibidas este ano recibiron premios a nivel nacional e internacional”. “Este ano tivemos na programación, ademais, dúas obras nominadas aos Goya 2020 e incluso estivo entre nós un dos directores nominados David Fidalgo”, abundou.

 

O director do FIC, Carlos Montero.

 

Montero salientou que “vender Verín” e reforzar o atractivo da nosa comarca é un obxectivo irrenunciable para a organización da certame”. “Nesta viaxe contamos co apoio de entidades, organizaciónns e empresas, así como co de moitos axentes sociais e coa poboación da vila”, manifestou Montero, poñendo en valor a labor dos profesionais e voluntarios que colaboran no FIC, e cuxo traballo o fai posible. “Moitos de estos profesionais son orixinarios desta terra e están comprometidos co desenvolvemento dunha axenda cultural que sexa un orgullo para Verín”. No FIC Vía XIV é un traballo en equipo”, sentenciou adiantando que “dende mañá comezaremos a traballar na V edición”.

Con respecto aos premiados eran dados a coñecer polos membros do xurado formado por Nora Sola, Raquel Anido, Neves Rodríguez e Claudia Expósito. Nas categorías oficiais, Places, de Claudia Barral Magaz recibía o Premio do Xurado á Mellor Curta en Outra Mirada; Los que no sienten de Alba Carnero, Carlota Mojica, Marta Porto e Débora Vargas, o Premio do Xurado a Mellor Curta en Horizontes; 16 de diciembre de Álvaro Gago, o Premio do Xurado á Mellor Curta de A Raia; e The distance between us and the sky, de Kekatos Vasilis Premio do Xurado á Mellor Curta en Nova.

Santa Baia de Montes, da verinesa Sabela Souto, a única premiada presente, recollía o Premio Especial do Público á Mellor Curtametraxe; e tamén se entregaron un premio NUMAX á Exhibición da Mellor Curtametraxe de menos de 10 minutos que foi para Leyenda Dorada; e un Premio Camira da Crítica, Mención especial que foi para Kids, de Michael Frei e Mario Von Rickemback.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button