CulturaCulturaÚltima hora

O Festival Internacional de Curtas de Verín presenta o cartel da V edición que se celebrará entre o 5 e o 13 de setembro

Unha nave espacial que abduce Verín e os seus edificios máis representativos é a idea creativa sobre a que se asenta o deseño

A deseñadora Olalla Diéguez co cartel ilustrador do V FIC-VÍA XIV de Verín. Foto: FIC Verín.

 

A deseñadora Olalla Diéguez Boo, natural de Matamá (Laza), é a autora do cartel ilustrador da V edición do FIC Vía XIV de Verín, que se celebrará na vila do Támega entre o 5 e o 13 de setembro. A idea creativa sobre a que xira é a ciencia-ficción. Así, a autora presenta unha nave espacial que abduce algúns dos edificios máis representativos de Verín, perfectamente recoñecibles no deseño, como “metáfora do poder da sétima arte, que envolve a vila durante os días que dura o certame”, explican dende a organización do Festival Internacional de Curtas de Verín.

Segundo a creativa, “calquera deseño debe contar unha historia e calquera historia debe ter un protagonista”. Neste sentido, remarca que “eu tiña claro que quería dar protagonismo á vila de Verín”. É por iso que representou no cartel algúns dos edificios máis emblemáticos da localidade como é o caso da casa reitoral.

No que respecta aos preparativos da quinta edición do certame, o director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, destaca que “en principio, estanse a efectuar con relativa normalidade”. A Asociación Cultural Vía XIV traballa pensando que en setembro vai ser posible realizar ofestival e, en todo caso, “calquera decisión final sobre a súa celebración nas datas inicialmente previstas quedaría supeditada a como evolucione a crise sanitaria provocada pola pandemia de coronavirus”.

Artigos relacionados

Back to top button