CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

O festival musical de grupos locais pecha unha intensa fin de semana no Barco

Miguel Arias, o Orfeón Valdeorrés, varias agrupacións vencelladas á Escola de Música e a academia Bayadère, actuaron á beira do río

Despois de dous días con actividades para todos os gustos e idades, a Feira de Valdeorras baixaba o pano na noite do domingo 9 de setembro. E facíao da mellor forma posible: con música.

Con certo retraso sobre a hora prevista, pasadas as sete e media arrancaba o festival de grupos locais no que a música se intercalaba co baile da man dos alumnos da academia de danza Bayadère. O primeiro en subir ao escenario, ubicado á beira do río Sil, en pleno malecón barquense, era un cuarteto do Conservatorio e da Escola de Música do Barco que interpretou tres temas, entre eles unha versión do Every Breath you Take de Police. De seguido actuaba o grupo de baile flamenco que daba paso ao grupo de saxofóns do Conservatorio con Manuel Prada na dirección, interpretando outras tres pezas, entre elas unha de Cold Play.

O grupo de baile contemporáneo da academia de baile presentaba ante o numeroso público, unha coreografía do tema Symphony antes de subir ao escenario a agrupación tradicional da Escola de Música que tocou catro temas, o último acompañado por un grupo de bailarinas.

Un dos pratos fortes da noite chegaba con Miguel Arias que interpretaba acompañado por Álvaro Manzanas ao piano, dous temas do seu primeiro disco, Contra Viento y Marea, que presentará no Barco en decembro (About you e Eras tú) e dúas versións. O baile chegaba de novo, da man do grupo moderno, sendo o Orfeón Valdeorrés quen pechaba o apartado musical da velada. Con respecto á danza era o conxunto de baile clásico quen poñía o broche.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button