CulturaÚltima hora

O festival Pórtico do Paraíso “botará a vista atrás” na súa décima edición

Esta cita musical será do 3 ao 12 de marzo e no cartel hai cinco concertos de artistas que xa estiveron en pasadas edicións 

 

Na presentación estiveron presentes os representantes das institucións colaboradoras co festival.

O Festival Internacional de Música de Ourense “Pórtico do Paraíso” volve por décimo ano consecutivo. Esta cita desenvolverase entre os días 3 e 12 de marzo en distintos puntos de referencia artística e histórica da provincia. O seu director artístico, Enrique Miguéns, dixo que coa programación deste ano “imos botar a vista atrás e propoñer un festival de reencontros” así, informou, cinco dos sete concertos “serán de músicos que estiveron anteriormente neste festival”.

“The Orlando Consort” é o cuarteto inglés que está en cabeza de cartel e eles mesmos foron os que inauguraron este festival na súa primeira edición no ano 2008. No eido do programa, Miguéns salientou que este ano haberá “unha mestura entre Oriente e Occidente “. Xa que “The Orlando Consort” estará acompañado en escena por “tres estrelas da música tradicional hindú e paquistaní”, Kuljit Bahmra, Sahid Khan e Jonathan Mayer. Este concerto será o día 12 de marzo ás 20:30 horas na igrexa de Santiago de Caldas.

En canto aos demais espectáculos. O 3 de marzo, na Catedral de Ourense, tocarán as súas músicas o grupo instrumental e voces do Reino Unido, “His Magestys Sagbutts and Cornetts”. O día 4, será a quenda do octeto vocal checo “The Gentelmens Singuers”, que levarán as súas voces á capela de Santa María a Real, en Xunqueira de Ambía.

Seguido deles, o domingo 5 de marzo, estraran “Haroní Duo” no Teatro Principal. Pianista de Palestina e violinista de Hungría, este dueto porá a música en directo ao filme “The Kid” de Charles Chaplin. O día mércores 8 de marzo é a quenda de Galicia e da música medieval. A voz de Mercedes Vítolas mesturarase co laude e a cítola de Fernando Reyes no Museo Arqueolóxico de Ourense.

O ensemble barroco “Academia del Piacere” actuará na igrexa de Santa María Nai o venres 10 ás 20:30 horas e a música medieval retornará o 11 de marzo en tes pases (ás 17:00, 18:00 e 19:00 horas) na igrexa de San Pedro de Rocas, en Esgos, coa francesa Brigitte Lesne.

Durante a súa intervención, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, salientou que este evento “é un exemplo claro de simbiose e colaboración entre institucións”, pois Pórtico do Paraíso conta cun orzamento de 63.000 euros que se desglosa en 40.000 euros aportados polo Concello de Ourense, 10.000 da Deputación, 8.000 da Asociación Pórtico do Paraíso e 5.000 da Xunta a través de AGADIC.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias, dixo que esta cita “colocará á nosa cidade no mapa da música de Galicia e internacional”. Tamén a vicepresidenta da Asociación Española de Festivais de Música Clásica, Valentina Granados, cualificou este evento musical de “exemplar” debido á grande resposta que ten do público e “á grande colaboración por parte de todas as institucións”. Segundo cifrou o seu director, Enrique Miguéns, o ano pasado acudiron 2.400 persoas. Finalmente, o presidente de AGADIC, Jacobo Sutil afirmou que a Xunta de Galicia renova o seu apoio a este Festival que combina “a programación de concertos de calidade en espazos de beleza arquitectónica e que estende o seu programa a toda a provincia de Ourense. Trátase dun Festival que consegue difundir a música culta entre todos os galegos”.

Os concertos son totalmente gratuítos, a excepción do que se fará no Teatro Principal, e para poder acudir hai que solicitar unha invitación na web oficial do festival.

Artigos relacionados

Back to top button