ColaboraciónsOpinión

O fetichismo dos restos mortais

No 37 Congreso do PSOE, a corrente de Esquerda Socialista viu como se rexeitaba a enmenda que abría a posibilidade da eliminación da liturxia relixiosa nos funerais de estado. Ramón Jaúregui, coordinador da ponencia, xustificou o rexeitamento da enmenda porque “a laicidade non ten constituida unha liturxia alternativa”.

Algún xeito de relixión, nas mais diversas expresións históricas,desde as orixes nas que comezamos a denominar ó home “home”, xestionou a morte. Non só xestionou a emotividade cara a morte, senón tamén a materialidade da morte. Estableceu os protocolos de actuación en relación ó corpo sen vida, ó cadaver. O vínculo morte/relixión é esencial, axiomático; e hoxe, no outono de ano 2013, cando ateigamos os cemiterios de xentes e flores, sigueo sendo. Fundar un protocolo laico do morrer sería tanto como racionalizala morte, circunstancia que estamos lonxe de haber conquerido.

No monopolio das relixións monoteístas occidentais sobre o morrer, abríronse algunhas fendas: como a secularización dos cemiterios ou a extensión física da posibilidade de incineración, que facilitaron a liberdade daqueles que decidiron na vida desfacerse de deuses, sendo congruentres, desfacerse de eles tamén na morte. Pero na maioría dos casos, un costume meditado finaliza co difunto, familiares e coñecidos nos ritos da relixión maioritaria, no noso caso, o Cristianismo. E digo meditado, xa que son sen dúbida os cultos funerarios, como primeiro tránsito na cobiza da inmortalidade, como voces e xestos necesarios para despedir o cadaleito nunha perentoria ubicación dos restos mortais; son, repito, os cultos funerarios os mais arraigados nas crenzas dos que comulgan co cristianismo.Queíxase a Igrexa -non sen razón- das lecturas cada vez mais lasas cos crentes fan das súas obrigas. Quéixanse da pouca profundidade e devoción relixiosa dos protagonistas, mesmo en sacramentos centrais da doutrina e da confesión. Da folclorización de feitos de fonda comunión co sagrado. En moitas de estas situacións cada vez mais persoas síntense amparadas pola laicidade, por unha finitude que a supoñen suficiente, ou simplemente somérxense nunha corrente insconsciente do significado da súa presencia ou da súa ausencia nunha vivencia pola que non se interrogan. Un estar desmotivado, sen motivo relixioso.

Pero o trato ca morte aviva e reactiva os medos enraizados en séculos de opacidade ante aquela, lercias naturais ó redor das que milleiros de voces e páxinas souberon tecer unha superestructura de lecturas múltiples con interpretacións científicas desgraciadamente inconmensurables. A opacidade, o drama, o desconsolo, a tristura, a soidade, a indefensión, a ruptura, a impotencia, a fin, a angustia, o desacougo, o desánimo, a incerteza, a desesperanza… son pasións dabondo, intratables a razón, na que a razón mesma encóntrase ubicada, ou mellor desubicada, perdida, desalentada. Convertémola morte no principal aliado de deus e deuses, e todolos xestores da relixión utilizárona e utilizana como un sustrato esencial na configuración, mantemento es extensión de estructuras e credos. Despois dun seculo vinte no que deus tambaleou, a morte segue a ser o reducto.

A relixións, por suposto, non só interactuan ca morte, senon co fan con innegable intensidade en todalas facetas do vivir, onde crearon unha herdanza cultural incuestionable e unha acción continuada co selo e a defensa do que ellas consideran virtudes. Pero no terreo da vida a sociedade civil concretou propostas lexitimadas na autonomía moral, que foi desmontando para o mundo da vida as estadas apoiadas nunha fe necesariamente arracional, – unha arracionalidad asumida pola Igrexa con valentía e enteireza que presenciaba a creba da mesma razón que intentou desxitimila- e nuns intereses de autoconservación postos ó longo da historia as veces por riba da dignidade e a liberdade dos cidadáns. Pero isto que a laicidade conqueriu con esforzos e erros en ocasións terribles e inxustificables, frústrase fronte o mundo da morte, onde chocamos a cotio ca impotencia de xerar unha comprensión que intente alomenos o comenzo dun desmantelamento.

Un dos principios das democracias, piar básico que moitos cidadáns valorarían por riba dunha mellora cuantitativa na situación económica de todos, é a liberdade de conciencia e de expresión, circunstancia que xera estados pluriconfesionais. O laicismo é así unha “insignia de identidade” dalgúns partidos políticos -máis belixerantes na súa consecución canto máis a esquerda do espectro-. Decenios de dolorosas ensinanzas, de actuacións do terror garantidos por pseudodotrinas sociais e filosóficas que hoxe consideramos froito da intolerancia e do integrismo relixioso e antirelixioso, recunduciron ós partidos socialdemócratas hacia unha aceptación da relixión “pola súa contribución a producción moral, á cohesión social e á expresión cultural”. Por outra banda, os partidos herdeiros do conservadurismo e o liberalismo optan por unha eticidade amparada na propia lóxica histórica da sociedade, da que a relixión é un imput máis o carón doutros, e que dentro da pluriconfesionalidade anteriormente citada, outorgan preferencia á orixinaria do propio estado, á que respaldan sintíndose cómodos na relación. Parafraseando unha cita hoxe repetida con certa frecuencia, non desexan “xerar problemas onde non os hai”, na crenza de que arrufar o debate carrexa división e enfrontamentos innecesarios.

Para aqueles que apostan pola laicidade, saben que non consiste somente, en ir desprendéndose paulatinamente dos símbolos cos séculos colgaron en paredes , fachadas, despachos e outras estancias institucionais -que eso tamén-, senón fundamentar a acción directa do Estado e a súa acción indirecta no ámbito dunha ética civil, non mediatizada por algunha confesión, que o desexe ou non -e si o desexa-, desexa deixar a súa pegada.

Resulta moito máis doado -ainda tendo en conta a súa dificultade- despendurar un símbolo relixioso dunha parede, que despendurar/se dos ancoraxes culturais os que nos aferramos diante do vértigo do vivir. E que maior certeza e incerteza ca morte. Ante ella todo achegamento abstracto parece condenado ó fracaso. Toda rozadura acaba impregnada dun cheiro místico no que se dilúe o esforzo distante, desacalorado, e no que ata as visións máis enraizadas na materia e no esprito finito adoitan, derrotadas, claudicar. ¿Non ocorre isto cos restos mortais?¿Non ocorre con “cada unha das pezas duras e ríxidas que forman o esqueleto dos vertebrados”?¿Qué cremos que atesouran? ¿Por qué cremos estar en eterna débeda con eles?¿Por qué anhelamos encerralos para a nosa disposición?. Os restos mortais son a acreditación da morte, son o seu testemuño, sen eles a vida persoal queda pendurada, inacabada. Legalmente necesitamos ó corpo para apearnos da burocracia dos vivos, para que os herdeiros da nosa morte vivan a nosa postmoste. Nada máis terrible para os vivos cunha morte endexamais confirmada, cunha desaparición ininterrumpida, un deambular na memoria sen a imaxen do final. Pero unha vez confirmado este feito necesitamos repatrialos restos, recobralos para a nosa patria física e emotiva otorgándolles no noso imaxinario outra vida da que carecen. E nas tumbas gravamos e esculpimos inscricións nos materiais máis inaccesibles o tempo co ánimo vano de salvagardar unha identidade que xa non é e que xa non está, unha identidade que perdura na memoria dos nosos vivos, vana a súa vez, xa que creámolo ou non, morremos para sempre.

Non en todolos séculos formaron parte dos costumes, incluso do cristianismo, estes hábitos de perpetuala identidade e localización dos restos mortais. “O home das sociedades tradicionais, que era o da primeira Idade Media, pero que tamén era o de todalas culturas populares e orais resignaba sen moito esforzo á idea de que todos somos mortais. Xa en plena Idade Media, o home occidental rico, poderoso e culto, recoñécese a si mesmo na sua morte: descubriu a morte propia”. Segundo este parágrafo de Philippi Ariés son os ricos, poderosos ou cultos, os que máis esforzos centran ó final dos seus días en prolongar unha vida confortable. ¿Para que sendo probe, servo e analfabeto, prolongala miseria do vivir? Este non é o lugar de percorrer as artes moriendi a través da historia, ainda que recoñezo o ilustrativo que resultan para as artes da vida. Só intento ante o lector suscitar que ata o que parece máis inamovible, as respostas maioritarias na actualidade diante da morte o os seus despoxos, non sempre foron e non sempre serán.

Cada primeiro de novembro a relixión lémbranos o fetichismo dos restos mortais, o misterio ó redor da morte, a súa alianza co sagrado, a morte como a gran hierofanía. Para algúns un verdadeiro acto de identidade, neste caso comunitaria. Para outros un cordón umbilical que nos retrotrae a través do relato cunha patria sustentada nos seus mortos. Versións todas lexítimas.

Tamén é lexítimo despoxarse dos restos humanos incinerados para sempre. Nun lugar emotivo ou en calquera lugar. Neste desfacernos otorgámolles alomenos a intencionalidade de que xa perderon o significado que só a vida lles proporcionou. O facelos desaparecer negámoslles unha nova existencia en parte da consciencia colectiva, para que ninguén se apodere deles o sobre unha ficción se enarboren bandeiras, e ergan e reconstrúan enganosas e grandilocuentes sistemas teóricos , con motivacións de fomentar insisténtemente unha outra vida fora da vida. Teño presente que dende a firmación equivocada da morte de deus, cada un aposta dende a tolerancia polos seun propios deuses, entre eles Deus. E estas apostas, tras vanos intentos de deixar as cousas atadas e ben atadas, quedan en mans dun decisionismo basado en última instancia na persoa individual. Neste ámbito, coma noutros, o poder xamais deberá impoñer unha crenza que se arrogue a verdade sobre as demais.

Finalmente quero deixar claro que cando falo da morte, falo do que consideramos morte natural, non dunha morte violenta, na que o cadaver e as súas pegadas son a testemuña, única en ocasións da verdade do acontecido. Ainda que unha vez esclarecida esta verdade legal ou histórica, os restos pasan a ser iso, restos.

Texto: Antonio Fernández Núñez

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close