EconomíaEconomíaÚltima hora

O FIC Vía XIV conta co apoio da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Verín

Os comercios que participen na iniciativa engalanarán os escaparates “de película” entre o 19 de novembro e o 9 de decembro
O director do FIC, o presidente e o xerente de Aever e a concelleira de Turismo, Comercio, Balnearios e Transportes de Verín.

Unha vez consolidado a nivel internacional con proxeccións de alto nivel, un dos obxectivos que se marcan dende o FIC Vía XIV é a implicación da sociedade verinense no proxecto, e pouco a pouco vano conseguindo.

Hai unhas semanas implicaban aos escolares nunha iniciativa para crear as súas propias curtas e agora conségueno co sector comercial. Coa posta en marcha de accións promocionais en diversos establecementos da vila, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Verín, Aever, reafirma o seu apoio á III edición do certame que se celebrará do 1 ao 9 de decembro. Unha colaboración que o xerente de Aever José Ángel Rodicio comprometía ao director do Festival, Carlos Montero, coa sinatura dun acordo de colaboración que incluirá un concurso de escaparates de película e sorteos de produtos, entradas e bonos para o certame.

Segundo o convenio establecido, os comerciantes de Verín que participen na iniciativa engalanarán os seus escaparates con motivos relacionados co cinema entre o 19 de novembro e o 9 de decembro. Os tres mellores escaparates (que se darán a coñecer no decurso do Festival) serán premiados con 150, 75 e 50 euros respectivamente. As bases deste concurso serán publicadas proximamente na web www.ficviaxiv.com.

Ademais, Aever doará ao FIC un lote de produtos procedentes de diversos comercios da zona para ser sorteado durante o certame e, paralelamente, todas aquelas persoas que realicen as súas compras nos establecementos adheridos á asociación, durante as semanas previas ao FIC, recibirán cadanseu cupón acreditativo. Xuntar dez cupóns dará dereito a entradas directas para o visionado das curtas que se proxecten no Festival.

Artigos relacionados

Back to top button