En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O FIC Vía XIV de Verín consolídase e clausura a súa sexta edición entre homenaxes sorpresa

Na gala final desvelábanse as curtas premiadas en cada unha das categorías do festival

 

Entre galardóns, recoñecementos, música en directo, emotivas sorpresas en forma de homenaxes e aplausos finalizaba o VI Festival Internacional de Curtas (FIC) de Verín, nunha gala celebrada na noite do 11 de setembro no Auditorio, logo dunha intensa semana de proxeccións e interesantes e exitosas actividades paralelas. Unha gala, que contaba coa presenza de diferentes autoridades, e cuxa banda sonora viña da man do grupo Broken Peach, que intercalaba as súas actuacións coa entrega dos galardóns das curtas premiadas en cada das 4 categorías do concurso, xunto co Premio do Público.

Así, a curta francesa “A propósito de Lanzarote en general”, de Vincent Trincon, vencía na categoría Outra Mirada, mentres que “Aniksha”, de Vincent Toi (Canadá) resultou gañadora en Horizontes e “Reality” do lucense David Fidalgo fíxoo en A Raia. A mellor curta na categoría Nova foi para “Forastera” da española Lucía Aleñar e o Premio Especial do Público recoñeceu o traballo con selo estadounidense “The Letter Room” de Elvira Lind. Finalmente, o Premio Numax á distribución, que permitirá aos filmes premiados ser exhibidos nesta sala compostelá, foi ex aequo para a cinta mexicana “Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje”, de Gabriel Arrera, e para “Elo”, unha coprodución franco-portuguesa, de Alexandra Ramires. As circunstancias impedían que os galardoados acudiran persoalmente a recoller o premio, pero si enviaban mensaxes de vídeo de agradecemento.

 

O alcalde de Verín, co vicepresidente segundo da Deputación de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Unha das primeiras intervencións do acto, presentado por por Arantxa Treus (vestida por Roberto Verino), corría a cargo do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen amosaba o seu agradecemento “aos asistentes, aos que traballaron aquí nestes circunstancias, a todos os que participaron con algunha curta e noraboa aos premiados. A nosa intención con este festival de curtas sempre foi chamar a atención dunha maneira diferente ao que facían os nosos veciños. Contamos cunha plantilla, cun persoal da casa, son veciños que teñen unha gran afección cinematográfica, hai actores, hai directores, e sobre todo, hai moita xente do audiovisual, que é consecuencia dunha época onde houbo aquí ata 5 cines en Verín, hoxe quédanos o cine municipal, que non está funcionando neste momento debido á pandemia”. Seoane incidía así mesmo no valor da “resiliencia, este festival, tanto o ano pasado como este, mantívose, e esa é a resiliencia, manterse, aguantar para saír para adiante”.

 

O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pola súa banda, o tenente de alcade de Verín, Diego Lourenzo, resaltaba que “neste FIC de Verín demostramos colectivamente unha vez máis que a cultura é necesaria, imprescindible e segura”, mentres que o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacaba que esta mostra sitúa a Verín no mapa na súa aposta cultural.

Ademais dos premios, a clausura incluía tres homenaxes. A primeira, a Sergio Pazos, que recibía a modo recoñecemento a carauta dun Cigarrón, que se colocaba nada máis ter nas mans. “Estou encantado de estar neste festival e de recibir un premio que quero dedicarvos a todos vós, seguide así, a cultura é fundamental”. Ademais facíalle unha dedicatoria especial ao seu pai.

 

O actor ourensán Sergio Pazos./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

As dúas seguintes homenaxes eran toda unha sorpresa. Nora Sola, colaboradora do FIC, recibía unha distincións da mostra de mans da súa filla a actriz Ledicia Sola e, especialmente sentida e emocionante foi a homenaxe a coordinadora xeral do FIC e concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, que entre bágoas agradecía este cariñoso detalle. “Colleume totalmente de sorpresa, isto non é merecido, eu sempre digo que a que está ganando son eu. Estou tendo unha oportunidade moi grande na vida, agora xa xubilada, que é estar ao lado da cultura, cando eu tamén estiven do outro lado e vin como non se abrían as portas e agora é moi grande ter as chaves nas mans, moitísimas gracias a todos e estou con vós con todo o corazón”, dicía moi emocionada.

 

A coordinadora xeral do FIC e concelleira de Cultura de Verín, na homenaxe sorpresa que lle tributaba a organización do festival./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Carlos Montero: “Isto foi posible polo gran equipo de profesionais do FIC”

Xa recta final, o director do FIC, Carlos Montero facía unha valoración do que ten suposto esta sexta edición. “En Verín, os soños do equipo organizador do FIC están feitos de material cinematográfico, comezamos esta aventura hai 6 anos dun xeito comedido e, pouco a pouco, fomos capaces de acadar feitos salientables. O noso festival internacionalizouse coa presenza de cintas de diferentes partes do globo e tamén conseguimos involucrar ao público de Verín e comarca deseñando, ano tras ano, unha completa axenda de actividades paralelas para todos os públicos, incluídos os cativos. Isto foi posible polo gran traballo realizado polo equipo de profesionais do FIC, e tamén por todos os nosos patrocinadores, o Concello de Verín, principal motor do festival, Deputación de Ourense, Agadic, Dentalnova, a Eurocidade Chaves-Verín e o resto dos nosos colaboradores, moitas grazas a todos”.

 

O director do FIC Verín Vía XIV, Carlos Montero./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais, a título persoal, Montero facía “unha mención de honra extraoficial para a miña muller Amalia e para a miña filla Paloma, xa que realmente hai que ter infinita paciencia para aguantar todos os meus días de neuras e tamén ausencias derivadas da produción deste festival, moitas gracias”.

O director do FIC resaltaba que “quixemos este ano manter a esencia do noso certame, sabedores de que en tempos de pandemia é máis importante manterse que medrar. Aínda así, foi un ano no que acadamos novos logros, todas as curtas estiveron por vez primeira dispoñibles online a través da plataforma festhome, ademais da selección oficial de 26 curtas puxemos en marcha en forma de actividades paralelas todo un despregue de talento interno, e puidemos presentar en Verín produtos en clave local e ourensá como “Capuchóns” de Íñigo Rolán ou a webserie “Os tempos mortos do Führer”, tamén desfrutamos coa homenaxe a Sergio Pazos e tivemos ocasión de pór en valor a relación entre a música e o cinema coa musicalización en directo a cargo do Trío Caspervek co filme “O maquinista da xeral”. Fomos capaces de atraer ata o Auditorio de Verín a numeroso público, o que demostra que o cambio de datas que o ano pasamos fixemos foi un acerto”.

Finalmente, Montero despedíase dicindo que “en Verín construímos o FIC ano tras ano e estamos orgullosos de recoller os froitos do sementado, longa vida ao FIC!”. A gala concluía co equipo organizador no escenario recibindo un gran aplauso.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button