CulturaCulturaÚltima hora

O filme “Cuñados”, producido polo valdeorrés Alfonso Blanco, chegará aos cines en abril

Esta comedia, rodada integramente na provincia de Ourense, está ambientada en torno ao mundo das adegas do Ribeiro

Publicidade
Escena do filme “Cuñados”, rodado na provincia de Ourense./ Foto: © Jaime Olmedo.

 

O vindeiro mes de abril estrearase en cinemas a comedia Cuñados, opera prima de Toño López e primeira longametraxe da produtora Portocabo (Hierro, Auga Seca), que dirixe o petinés Alfonso Blanco, creada para a gran pantalla.

Rodada integramente na provincia de Ourense e ambientada en torno ao mundo das adegas do Ribeiro, “Cuñados” é unha comedia de enredo sobre as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado.

O filme, rodado en galego, conta no seu elenco con coñecidos rostros como os de Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey. A réplica feminina atopámola noutras tres grandes actrices galegas: Eva Fernández, Iolanda Muiños e María Vázquez. Engádense ao reparto Mela Casal, Paku Granxa, Manolo Cortés, Brais Yanek, Patricia Torres e Avelino González.

O guión de Cuñados é obra de Araceli Gonda (Hierro, 18 comidas, Luci). Á fronte do equipo técnico están  Jaime Pérez, na dirección de fotografía; Lu Rodríguez na montaxe, Santi Jul e Iván Laxe  na música orixinal ou Andrea Pozo na dirección artística, entre outros. Na produción executiva está Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo.

Cuñados é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE e Televisión de Galicia e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O filme foi rodado integramente na provincia de Ourense e nel colaboraron a Deputación de Ourense e mais a D.O. Ribeiro. Filmax encárgase da distribución en España, así como das vendas internacionais.

Artigos relacionados

Back to top button