OurenseÚltima hora

O filme valdeorrés “Os Fillos da Vide”, no ciclo “Miradas etnográficas” do Museo Etnolóxico de Ribadavia

Nesta mostra de cinema tamén se proxectará o documental ourensán “O tempo na Luparia” de Plácido Romero

 

Fotograma do filme “Os Fillos da Vide” da ruesa Ana Domínguez.

 

Do 9 ao 30 de novembro desenvolverase no Museo Etnolóxico de Ribadavia o ciclo “Cine de Outono: Miradas Etnográficas 6. O Pasado no presente”. Nel proxectaranse un total de seis filmes entre os cales estará a longametraxe valdeorresa “Os Fillos da Vide” (2017), dirixido pola ruesa Ana Domínguez.

A primeira das citas deste ciclo terá lugar o 9 de novembro ás 20h. co outro filme ourensán, “O tempo na Luparia” (2018) do ourensán Pácido Romero. Nel achégase unha visión emotiva dunha zona da Galicia interior, na Mota Grande do Leboreiro. O 16 de novembro ás 20h. poderá verse “Grab and Run” de Ala-Kachuu, un filme hispano-alemán sobre unha antiga práctica na que as mulleres son secuestradas por homes que acaban por casar con elas.

Xa o venres 23 de novembro poderá verse a longametraxe “Os Fillos da Vide”, na que a ruesa Ana Domínguez conta o ciclo da vida a través do cultivo da vide en Valdeorras. Este traballo lograba o premio ao mellor filme etnográfico galego na 13ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego no 2017.

O programa de proxeccións completarase con tres filmes de Olaia Sendón Ogando o día 30 de novembro ás 20h.: “A casa de Lola e Andrés” (2006), “Os fabulosos irmáns da luz” (2007) e “Fisterra, carne de safari” (2016).

 

Cartel do ciclo.

Artigos relacionados

Back to top button