Galerías de fotosÚltima hora

O finalista de Allariz, premiado na Gala de Xoiaría-San Eloi

O colar de Raúl Diniz levaba o terceiro premio compartido co deseño da compostelana Kinga Haudek

Na mañá do sábado 29 de novembro, Allariz acollia a Gala da Xoiaría Galega 2014 – San Eloi, que congregou a unha representación do sector da xoiaría, ourivaría, prataría, reloxaría e xemoloxía de Galicia. O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia organizou o acto para reivindicar o oficio e a produción xoieira galega aproveitando a proximidade da festividade de San Eloi, patrón do sector.

O acto comezou coa benvida aos profesionais congregados por parte de Óscar Rodríguez. O presidente do Colexio de Xoiaría de Galicia agradeceu “ás empresas homenaxeadas emblemáticas da xoiaría galega”. De seguido o Coxga fixo público o recoñecemento a profesionais e personalidades galegas coa entrega da Medalla do Colexio a Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia.

A Segueta de Ouro foi para Salgado Nespereira, de Ourense. As Seguetas de Prata foron para María Isabel Franjo González (Joyería Losada) de Quiroga (Lugo), Antonio González Fernández (Joyería González) de Tui e José Antonio Veiga López (Joyería Cheche) de Pontedeume.

Con todo, o momentos máis esperado era a entrega dos premios do III Concurso de Deseño de Xoias-San Eloi entre os dez finalistas. O primeiro premio foi para Sonia María Vizcaíno, que tamén gañou a pasada edición. O segundo premio foi para Alejandro Calvo Filgueira, da Coruña e o terceiro compartido entre Raúl Diniz, de Allariz e Kinga Haudek, de Santiago de Compostela.

A Gala rematou coa presentación da nova Campaña de Nadal do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia. Durante esta campaña os consumidores poderán participar nos sorteos e gañar algún dos 2.015 euros en premios para canxear nun dos máis de 200 establecementos que colaboran voluntariamente co Colexio Oficial de Xoiaría.

Entre os asistentes á gala estiveron Santiago Riande Torres e Antonio Rey Díaz, director da EASD Mestre Mateo e coordinador de Xoiaría; Elena Fabeiro, xerente de Artesanía de Galicia; Francisco García Suárez, alcalde do Concello de Allariz; Sol Vázquez Abeal, directora xeral de Comercio da Xunta; Rogelio Martínez González, delegado da Xunta en Ourense; María Nava Castro Domínguez, directora da Axencia de Turismo de Galicia; e María Eugenia Pérez Fernández, subdirectora xeral de Formación Profesional.

Artigos relacionados

Back to top button