Galerías de fotos

O fiscal do caso Prestige, premiado coa Cruz de San Raimundo de Peñafort

Recibía o galardón o 4 de xullo en Santiago de Compostela

O fiscal de Medio Ambiente, Patrimonio e Urbanismo de Galicia, Álvaro García Ortiz, recibía o 4 de xullo en Santiago a Cruz de San Raimundo de Peñafort, que premia o mérito á xustiza e recompensa feitos distinguidos ou servizos relevantes, de carácter civil, no campo do dereito.

Recibía o galardón de mans do fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, polo seu labor no proceso polo fundimento deste petroleiro fronte ás costas galegas en 2003, nun acto no que tamén estiveron presentes o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, e o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas. O seu discurso estivo salpicado de citas literarias de diversos autores galegos, entre eles Álvaro Cunqueiro e Roberto Vidal Bolaño, e nel lembrou as diferentes situacións vividas e a súa experiencia en relación co xuízo do Prestige.

Asemade agradeceu o traballo de todos os traballadores da xustiza que o acompañaron no proceso, aos que fixo extensible o recoñecemento recibido.

No acto interviña tamén o fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, quen resaltou que se algo caracteriza a Álvaro García Ortiz é “ademais da súa extraordinaria condición humana, o seu excelente traballo como xurista”.

Outra das intervencións corría a cargo do fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, quen sinalou que García Ortiz ganouse este recoñecemento pola súa forma de actuar, “sempre activo, amable, responsable, con visión de progreso e de propostas renovadas no que significa o avance xurídico e a tutela do medio ambiente”.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button