DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O Fluvial Barco imponse por clubs na regata provincial da Rúa

Os padexeiros valdeorreses sumaban un total de 26 podios nesta cita que pecha a liga ourensá de piragüismo

Cun saldo moi favorable concluía o Fluvial Barco a quinta e derradeira regata liga provincial de piragüismo, da que era ademais organizador. A proba desenvolvíase no encoro de San Martiño na Rúa coa participación duns 150 padexeiros e nela os valdeorreses colleitaban un total de 26 podios en diversas categorías.

Sobresaía o triunfo sénior de Jesús Rodríguez León e o segundo posto nesta mesma categoría de Sergio Ruiz, onde se competía nunha distancia de 4.000 m. En sénior feminino Marta Paradelo quedaba terceira. Xa en veteranos vencía Roberto Núñez, que entraba en meta seguido do seu compañeiro do Fluvial Barco Roberto González.

Especialmente numerosos eran os podios nas categorías base. Así en infantil A os valdeorreses facían triplete masculino e tamén feminino: ganaban Juan José Rodríguez e Sabela Rodríguez, Daniel Rodríguez e Xiana Fernández eran segundos e Hugo Álvarez e Jimena Rodríguez terceiros. En infantil B dous primeiros en completar o percorrido de 2000 m eran Nicolás Díaz e Iker García, respectivamente. En infantil feminino B impoñíase Iria Ramos.

En alevín A Joel Núñez era segundo e Ricardo Ramírez terceiro e en alevín B os valdeorreses novamente o podio: o vencedor era Carlos Súarez, seguido de Miguel Real e Daniel Núñez. En alevín A feminino proclamábase campiona Paula Paradelo e en alevín B vencía Lidia Fernández e Candela Fernández era segunda. Xa en benxamín Carlota Díaz era terceira. E na categoría cadete quedaba segundo Joel Rodríguez.

Este conxunto de resultados permitiulle ao Fluvial Barco facerse co primeiro posto da regata por clubs. O segundo posto da clasifación era para o Fluvial Allariz, o terceiro para o Avión, sendo cuarta a Escuela Orensana de Piragüismo e quinto o Muíños.

Ademais a barquense Kissi Núñez, que competía coas cores do Fluvial Avión, ganaba a proba sénior feminina.

Artigos relacionados

Back to top button