En portadaÚltima hora

O folión de Viana do Bolo, única representación galega no X Festival da Máscara de Zamora

O acto central será un desfile con 25 mascaradas que percorrerá o centro desta cidade ás 18h. do vindeiro 29 de setembro
Un dos Boteiros do Folión de Viana do Bolo, nunha edición anterior do Festival da Máscara de Zamora./ Foto: Carlos G. Hervella.

Unhas 25 mascaradas procedentes de diferentes puntos de España e do norte de Portugal daranse cita o vindeiro 29 de setembro en Zamora no marco do X Festival da Máscara, que promove a Deputación de Zamora a través do seu Patronato de Turismo.

A única tradición galega que estará presente nesta edición do encontro será o Entroido de Viana do Bolo. Así no desfile que sairá en torno ás 18h. dende a praza da Marina de Zamora poderá verse aos Boteiros e ao folión deste concello ourensán. Ademais haberá doce grupos da provincia de Zamora (o Carnaval do Touro de Morales de Valverde, o Zangarrón de Sanzoles do Viño, o Pajarico e o Caballico de Villarino Tras la Sierra, o Zangarrón de Montamarta, o Atenazador de San Vicente de la Cabeza, a Obisparra de Pobladura de Aliste, a Filandorra de Ferreras de Arriba, os Carnavales de Villanueva de Valrojo, a Visparra de San Martín de Castañeda, a Vaca Bayona de Almeida, o Desempadrinamiento de Bercianos de Aliste e as Danzas del Paloteo de Tábara).

Será así mesmo ampla a representación lusa neste festival e virá da man de seis grupos de Bragança: os Caretos Salsas, os Caretos de Parada, os Caretos de Grijó, os Caretos de Ousilhao, os Caretos de Vila Boa de Ousilhao, xunto co Diabo, Morte e Censura de Bragança. Tamén haberá mascaradas doutras zonas españolas como Madrid, León, Asturias ou Cáceres.

O desfile, que rematará na praza Viriato en torno ás 19:30h., será un dos referentes do festival, pero o seu programa inclúe tamén outras actividades como obradoiros de máscaras e xogos de xigantes de madeira para toda a familia (ás 11h. na praza Viriato), animación mini chef con elaboración de receitas típicas de grupos de mascaradas participantes (ás 11:30h.) ou contacontos participativos ás 13h. A xornada concluirá cun concerto de música tradicional ás 20h., na mesma praza Viriato, a cargo do grupo Ringorrango.

 

Cartel da décima edición do festival.

 

Artigos relacionados

Back to top button