EconomíaÚltima hora

O Foro Termal celebrado no Carballiño acorda constituír unha rede termal do Eixo Atlántico

Unha comisión buscará financiamento para poñela en marcha a finais de ano ou comezos do próximo

O Concello do Carballiño convertiuse hoxe na sede do primeiro Foro Termal do Eixo Atlántico, unha reunión que congregou na vila a alcaldes, concelleiros e representantes das cidades, vilas e balnearios de Galicia e do norte de Portugal para analizar a colaboración, coordenación e promoción conxunta do termalismo na Eurorrexión. Este foi o berce no que se xestou a idea que vén de anunciar agora o Concello: a constitución dunha nova rede termal do Eixo Altántico.

Segundo se explicou, os impulsores buscarán elaborar un programa de atuacións e financiamento para poñer en marcha esta nova rede termal a finais de ano ou comezo do próximo. O acordo foi comunicado polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Mao, ao remate da reunión desenvolvida a instancia do alcalde carballinés, Francisco Fumega.

Para estudar a viabilidade, formarase unha comisión que estará formada por seis representantes de cidades, vilas e balnearios galegos e portugueses. Deberán presentar xa un primeiro programa no vindeiro mes de novembro, programa que será analizado noutra reunión que se celebrará na localidade portuguesa de Chaves.

A nova rede termal da Eurorrexión centrarase na promoción dos hábitos saudables, investigación en colaboración coas universidades, promoción conxunta dos establecementos termais, fidelización do turismo en base aos 7 millóns de cidadáns que residen nas cidades e vilas do Eixo Atlántico, captación de recursos de financiamento e a formación e visibiliade dos recursos propios, tanto termais como históricos e patrimoniais.

O primeiro Foro Termal celebrado no Carballiño contou coa presenza de alcaldes, presidentes de cámaras municipais, concelleiros e outros representantes dos concellos galegos de Lobios, Ourense, Ribadavia, Caldas de Reis e Verín. Na banda portuguesa asistiron representantes de Santa María da Feira, Guimaraes, Chaves, Vidago, Resende, Melgado e Santo Tirso.

Do sector dos balnearios e instalacións termais acudiron representantes de Lobios, Laias, Mondariz, Lugo, A Chavasqueira, Outariz, Prexigueiro e Verín, por Galicia, e Sao Jorge, Taipas, Chaves, Pedras Salgadas, Vidago, Caldas de Aregos, Melgado e Caldas-Santo Tirso, por Portugal. Tamén estiveron presentes membros dos dous balnearios do Carballiño.

Artigos relacionados

Back to top button