SanidadeSen categorizarÚltima hora

O frío provoca un repunte dos pacientes gripais e con problemas respiratorios nas Urxencias ourensás

A Comisión de Centro CHUO asegura que hai “sobreaforo asistencial” e falta de persoal e, pola contra, a Xerencia di que se reforzou o cadro e abríronse camas
Cartel de Urxencias do CHUO.

O frío rexistrado a finais de decembro e nestes primeiros días de xaneiro fixo que aumentasen os cadros gripais e afeccións respiratorias na provincia e, debido a iso, o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) volve estar de novo no ollo das protestas pola “situación de sobreaforo asistencial que se está a producir”, segundo informan fontes da Comisión de Centro do Complexo ourensán que reiteran, a través dun comunicado, que hai unha falta de cobertura de profesionais de reforzo ante esta situación de incremento de pacientes.

Dende a Xerencia da Estrutura de Ordenación e Xerencia Integrada (EOXI) de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, confirman  este repunte de pacientes, tanto nas Urxencias como en Atención Primaria. Segundo fontes do Complexo, desde o 26 de decembro rexistráronse, ao igual que o resto de hospitais da provincia, “un progresivo incremento” das atencións de urxencias diarias “superando a media anual”, establecida en 190 pacientes por día. En canto ao pico máis alto de afluencia, rexistrouse o pasado luns 2 de xaneiro con 267 urxencias.

Gráfico da evolución dos atendidos nas Urxencias do CHUO entre finais de decembro e principios de Xaneiro. // Fonte: CHUO

Se ben é certo que os pacientes das Urxencias subiron varios puntos por riba da media anual a pasada semana, dende o CHUO resaltan que estes “foron decrecendo gradualmente” ata as 179 atencións rexistradas onte domingo. Por outra banda, prevén “novos repuntes” ao longo desta semana e durante o mes de xaneiro, coincidindo coa evolución da epidemia gripal. De feito, din que o tipo de paciente que se atende nestes momentos nas urxencias ourensás son “pluripatolóxicos, ou crónicos, de idade avanzada con cadros agudos ou descompensación por complicacións respiratorias derivadas de cadros virais, gripe ou neumonía”.

A pesar disto, dende o Comité de Centro do CHUO aseguran que non hai reforzo de persoal nas unidades e no mesmo servizo de Urxencias que poidan prestar atención á demanda xerada de pacientes que, en moitos casos, “precisan ser illados”, explican, e iso provoca que os profesionais precisen dun maior tempo de resposta á atención. Unhas demandas que din, trasladaron á Xerencia do CHUO nunha reunión mantida esta mañá, “porque entendemos que a percepción do traballo por parte dos profesionais non se axusta á realidade da Xerencia”, contan. A todo isto suman tamén a demanda de “material desbotable que se está a utilizar e que non se repón de forma axeitada”.

Pero a Xerencia do CHUO desmente por completo esta afirmacións a través dun comunicado oficial no que aseguran que, de acordo co previsto, “mantense as medidas de reforzo de persoal”, tanto médico como de enfermería, así como a ampliación de camas. Ademais, reiteran que neste “Plan de Continxencia” para o aumento de pacientes contémplanse, tamén, medidas organizativas destinadas a axilizar a xestión das altas; interconsultas urxentes; xestión de ingresos; traslados; reprogramación de intervencións programadas non urxentes de prioridade 1 etc. e, ao mesmo tempo, está incluída a ampliación do material dispoñible de lencería, almacén ou transporte “todo elo co obxectivo de ampliar a capacidade asistencial e de ingreso do centro”, recalcan.

Finalmente, aseguran que tanto os centros de Ourense, como de Verín e O Barco “están preparados para asumir este incremento de pacientes”, pero animan ás persoas que, ante un proceso viral ou respiratorio sen complicacións, “acudan preferentemente ao seu Centro de Saúde ou Punto de Atención Continuada (PAC) máis próximo”. Asemade, ante calquera dúbida e antes de acudir ao hospital, teñen a posibilidade de chamar ao 112 ou ao 061, onde serán atendidos telefonicamente por un médico que avaliara o estado do paciente.

Artigos relacionados

Back to top button