En portadaÚltima hora

O Fulión Feminino de Viana do Bolo percorrerá a vila o 1 de febreiro

Tan só sae unha vez ao ano, no resto do Entroido as súas integrantes tocan con outros fulións do municipio

O Fulión Feminino tocando o pasado ano na praza Maior de Viana./ Foto: Carlos X. Ares.

 

Por cuarto ano consecutivo, o Fulión Feminino de Viana do Bolo encherá co seu toque as rúas desta localidade. Será o vindeiro sábado 1 de febreiro, un par de semanas antes das datas grandes do Entroido. Del forman parte mulleres de todas as idades, tanto da vila como das aldeas deste municipio, que tan só se reúnen para tocar xuntas nesta xornada.

“Para nós é un día moi grande, saes con xente de diferentes partes e coa que ao mellor non coincides en todo o ano”, comentan Jessi e Lorena, coordinadoras deste encontro. As integrantes do fulión concentraranse a partir das 12:30h. do 1 de febreiro no Toural e dende alí baixarán tocando bombos e aixadas ata a praza Maior, un percorrido durante o cal iránselle sumando máis mulleres. O fulión conta ademais con Boteiras, que sairán de novo este ano se as condicions meteorolóxicas o permiten.

 

Algunhas das integrantes do Fulión Feminino./ Foto cedida por Jessica Granja.

 

Para ás 15h. teñen previsto un xantar no Restaurante A Nosa Casa (cun menú a base de sopa, cocido e androlla) ao que asistirán un cento de mulleres. Despois, collerán de novo bombos e aixadas para dar outra ronda pola vila, durante ao cal acostuman facer un fermoso espectáculo na praza Maior.

“Esperamos reunir a un cento de mulleres, será o ano que máis xente xuntemos”, comenta Jessi, que recorda que na súa primeira saída do fulión no 2016 eran tan só entre 7 e 10 integrantes. “Logo fumos crecendo e cada ano contamos con ser máis. Hai mozas, nais con nenas e mesmo avoas. É un día moi bonito e a nosa idea é seguir loitando para isto continúe porque estamos todas moi unidas”, comenta esta vianesa.

Este fulión é único e tan só cobra vida un día ano. O resto do tempo do Entroido estas mulleres tocarán noutros folións da vila e tamén doutros pobos de Viana.

 

Neste fulión participan mulleres vianesas de todas as idades./ Foto: Carlos X. Ares.

Artigos relacionados

Back to top button