OurenseÚltima hora

O futuro centro para persoas con discapacidade de Barrocás ofertará 110 prazas

A Xunta convocará un concurso de ideas para a redacción do proxecto que conta cun investimento plurianual de 5 millóns de euros

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, veñen de asinar o convenio de colaboración para regular a transmisión da titularidade dunha parcela e a construción nela dun centro residencial e de atención diurna para persoas con discapacidade.

De acordo co convenio asinado na mañá do 16 de abril, o Concello cede á Xunta unha parcela de 4.953 m2 de uso dotacional público situada na rúa Cesáreo González, en Barrocas, na que se construirá este centro, que ofertará un total de 110 prazas para persoas con discapacidade.

A Xunta de Galicia convocará un concurso de ideas para a redacción do proxecto do novo equipamento, para o que ten previsto un investimento plurianual de 5 millóns de euros.

O alcalde de Ourense asegurou que a sinatura do convenio supón “un paso moi importante” neste proxecto, que responde a “unha demanda dos pais de persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial, absolutamente fundamentada”. José Manuel Rey Varela, pola súa banda, destacou que a Consellería destina este ano unha achega económica de máis 40 millóns de euros a políticas sociais en Ourense e avanzou que o Centro de Menores de Montealegre será “un centro de referencia, que contará con máis educadores dos que antes tiña e novas especialidades”.

Artigos relacionados

Back to top button