DeportesEn portadaÚltima hora

O galego de clubs, homenaxe a Luis Nogueira, reunirá a 300 atletas no Barco o sábado

O salón de actos do edificio multitusos da vila acollía esta mañá a presentación desta competición galega que se desenvolverá o sábado nas pistas de Calabagueiros

 

Por segunda vez as pistas barquenses de Calabagueiros (O Barco) acollerán un Campionato de Galicia de clubs. Será o vindeiro sábado 17 de abril en xornada de mañá e tarde. Todo un reto organizativo e, sobre todo, unha emotiva homenaxe do atletismo galego á figura do lanzador de xavelina valdeorrés Luis Nogueira, recentemente falecido. Así o destacaba esta mañá no Barco o presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Isidoro Hornillos, no acto de presentación deste evento, no que estaba acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García; polo concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso; e polo presidente do Club Adas, Agustín González.

“Este campionato vai ter un gran simbolismo na figura de Luis Nogueira, un home que encarna os valores do humanismo máis profundo do deporte e dun deporte tan olímpico como é o atletismo. Quero agradecer a actitude dos clubs galegos que sabían deste compromiso de estar aquí, rendendo homenaxe a este gran home que recentemente nos deixou, polo tanto, o meu recoñecemento aos clubs por estar este día aquí”, resaltaba Isidoro Hornillos.

O programa deportivo, que comezará ás 11h. e será retransmitido en streaming, reunirá a 300 atletas dos clubs galegos de primeiro nivel. Na categoría feminina estarán o Ría de Ferrol, S.G. de Pontevedra, Escola Atlética Lucense, o Adas Proinor, Atletismo Ourense, Atletismo Santiago e o Lucus Caixa Rural. E, xa no apartado masculino, competirán a S.G. Pontevedra, o RC Celta, Club Atletismo Santiago, At. Narón, Lucus Caixa Rural, Club Atletismo Sada, Ourense At. e tamén o Club coruñés Marineda Atlético.

 

O presidente da FGA, Isidoro Hornillos.

 

O presidente da FGA tamén dedicaba unha parte da súa intervención aos agradecementos, cunha primeira mención ao “Concello do Barco polo seu compromiso e polo apoio que sempre recibidmos., e neste caso, tendo en conta ademais as circunstancias emotivas que van rodear este campionato”. Tamén ao Club Adas, así como aos voluntarios e voluntarias que van tomar parte, tanto da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo, como a todas as persoas que van colaborar por parte do club” para facer posible o galego.

A organización

Deseguido interviña o presidente do Club Adas, Agustín González “Tinín”, que aludía á “complexidade de organizar un campionato deste tipo aquí no Barco. Nunha pista de seis rúas, como a que temos en Calabagueiros, é complicado porque o formato de campionato de clubs é de 8 rúas, por iso hai que agradecer a actitude de todos os equipos que van estar presentes e que ao final entenderon que era o momento de render a homenaxe e de estar aquí presentes”. Ademais ndicaba que este campionato será complementado cun control de marcha.

González tiña tamén unhas palabras de lembranza para Luis Nogueira e agradecía a actitude da federación galega “porque en todo momento foi moi sensible á situación, apostou polo Barco”. Tamén agradecía o apoio do Concello do Barco, que “lidera esa posibilidade de aceptar este campionato nestas condicións tan complicadas nas que nos atopamos”. E, finalmente resaltaba o respaldo dos voluntarios/as, “sen eles, agora mesmo sería moi difícil levar a cabo esta meta”, así como o do persoal médico e de Ambulancias Sil, “que tamén nos van botar unha man neste campionato porque tamén eran moitos deles compañeiros de Luis e querían estar presentes nesta merecida homenaxe que é tamén unha homenaxe ao atletismo galego”.

 

O presidente do Club Adas, Agustín González.

 

Con respecto á vertente competitiva, o Adas “non terá o mellor equipo que quixeramos ter, por diversas circunstancias burocráticas e administrativas de última hora, pero estaremos presentes en todas as probas e penso que, cando menos nalgunha delas imos poder estar pelexando polo triunfo individual, así que satisfeitos nese tema”, indicaba Agustín González.

Colaboración da hostalaría

O acto pechábase coas intervencións do concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, e do alcade, Alfredo García. “Dende o Concello reiteramos o noso agradecemento á federación, que pensara no Barco para esta dición do galego de clubs e que ademais que aproveite esta edición para renderlle esa merecida homenaxe a Luis Nogueira”, dicía Aurentino Alonso.

Así mesmo, Alonso manifestaba o seu agradecemento “aos clubs participantes que, nunhas circunstancias difíciles siguen apostan por volver á normalidade competitiva e con eses recortes e eses protocolos, pero que aí van estar presentes”. Referíase ademais ao nivel de restricións existentes nestes momentos polos casos activos de Covid no Barco, “imos estar nunha situación moito máis tensa que a que tiñamos ata agora, o que é a pandemia así nos trata”, e nese senso, facía “un recoñecemento aos establecementos hostaleiros do concello porque se puxeron á disposición dos clubs para atendelos nas mellores condicións posibles”.

 

O concelleiro de Deportes do Barco e o alcalde xunto ao presidente da FGA.

 

O rexedor barquense pechaba o acto sumándose aos agradecementos e recalcando a aposta da FGA polo Barco, que “é sinónimo de atletismo, do club Adas”. Tamén apuntaba que “estamos colaborando en todo o que sexa necesario para que este acontecemento sexa un éxito e para que a xente que veña ao Barco marche satisfeita e contenta e marche, dende logo, coa mellor das acollidas posibles.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:
https://www.osil.info/o-concello-do-barco-prepara-un-acto-de-reconecemento-a-luis-nogueira/

Artigos relacionados

Back to top button