OurenseÚltima hora

O “Galician Freaky Film Festival”, festival convidado no FIC Vía XIV

un certame moi singular cuxas obras máis representativas correspondentes a edicións anteriores poderán visionarse en Verín

Imaxe do equipo organizador do Galician Freaky Film Festival./ Cedida.

Cada vez falta menos tempo para que chegue unha nova edición do Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, previsto do 30 de agosto ao 4 de setembro. E, coa deste ano 2022, son xa sete as convocatorias consecutivas dun certame que pouco a pouco se foi consolidando na axenda cultural, de ocio e de lecer da vila. Este ano, o festival convidado polo FIC será o Galician Freaky Film Festival, un certame moi singular cuxas obras máis representativas correspondentes a edicións anteriores poderán visionarse en Verín.

O director do Galician Freaky Film Festival, Juan de Castro, destaca que o certame organizado por Abella Producións naceu hai seis anos como unha mostra “de pezas de xénero underground, de vangarda e fantásticas feitas en Galicia”, pero aclara que “ano tras ano fomos ampliando e consolidando o festival cunha sección oficial máis potente”. Nos últimos anos, prosegue De Castro, “contamos cunha trintena de estreas oficiais do xénero fantástico en Galicia”.

Humor salvaxe

O que define ao Galician Freaky Film Festival, segundo o seu director, é o seu carácter gamberro, con filmes que buscan sorprender e xogan co abraiante e co humor máis salvaxe. De Castro amósase agradecido coa organización do FIC Vía XIV pola oportunidade de poder exhibir en Verín algúns dos filmes programados ao longo da historia deste festival e en participar nun coloquio co público. “O nivel de festivais que hai en Galicia fai que entre os festivais da nosa comunidade haxa moita xenerosidade e ganas de compartir mostras e de transmitir outras liñas editoriais”.

Para Carlos Montero, director do FIC Vía XIV de Verín, “convidar ao Galician Freaky Film Festival a exhibir as súas obras en Verín supón tender pontes a outros formatos e a un certame moi singular que se caracteriza por unha imaxe exterior e por un ambiente particularmente orixinal dentro dos festivais cinematográficos galegos”.

Artigos relacionados

Back to top button