EconomíaEconomíaÚltima hora

O GDR Sil-Bibei-Navea aproba a concesión de máis dun millón de euros en axudas a proxectos emprendedores

O esgotamento do diñeiro dispoñible para este ano amosa que segue a haber emprendemento na zona

 

Castelo de Castro Caldelas. Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Grupo de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea aprobou a inversión de máis dun millón de euros en axuda a proxectos emprendedores. O esgotamento do diñeiro dispoñible para o período 2019-2020 tradúcese en que continúa a haber emprendemento na zona, xerandose así postos de traballo.

A cantidade de 723.133,10 euros foille concedida a proxectos produtivos como emprendedores de actividades turísticas na Teixeira, unha gasolineira low cost en Parada de Sil e melloras en adegas e empresas de construción, así como comercio de sementes e plantas. Aínda así, quedaron na lista de agarda catro proxectos que se presentaron.

En canto a proxectos non produtivos, concedéronse un total de 315.525,36 euros a varios concellos como Parada de Sil, para a construción dunha edificación como espazo de lecer para nenos ou a mellora de accesibilidade ao Castelo de Castro Caldelas. Ademais, tamén houbo oco para a atención a maiores na Teixeira, a reforma da casa de emerxencia social en San Xoan de Río ou a ampliación da Biblioteca de Viana do Bolo. Por último, a Asociación Cultural Ouro do Sil presentou un proxecto non produtivo, o cal consistía na recuperación dun hórreo, e tamén lle foi concedida esta axuda.

O presidente do GDR, Paco Magide manifestaba a súa satisfacción por “acadar o obxectivo de investir todo o diñeiro dispoñible, feito que se debe, entre outros factores, a que haxa emprendedores”.

Texto: Alba Prada.

 

Artigos relacionados

Back to top button