ConcellosÚltima hora

O GDR Sil-Bibei-Navea pon en marcha o proxecto “A cociña de Silbina”

Pretende promocionar e difundir a oferta de produtos e produtores transformadores locais dentro do sector agroalimentario así como experiencias turísticas vinculadas a ditas actividades, segundo os seus promotores

 

Dentro das actuación de promoción do territorio que promove o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea neste ano 2020, vén de acordarse intentar a posta en marcha do proxecto “A Cociña de Silbina” que “pretende promocionar e difundir a oferta de produtos e produtores transformadores locais dentro do sector agroalimentario así como experiencias turísticas vinculadas a ditas actividades”, indica o presidente deste GDR, Francisco Magide.

A iniciativa busca “dar un impulso aos empresarios que se asentaron no territorio e que apostan pola produción e transformación agroalimentaria sendo os produtos cabeceira os viños D.O. Ribeira Sacra, queixos, mel, a castaña, a bica ademais dos excelentes embutidos ou o licor café e augardente de herbas ou novos produtos como a cervexa”, continúa Magide.

O proxecto ten como base un personaxe inventado, Silbina, que vive na caracocha dun castiñeiro e que se converte en anfitrioa, explica a paisaxe, as tradicións e os principais ingredientes da súa cociña. Consta dunha páxina web, que ofrece información dos produtores locais, algún dos cales ofertan experiencias turísticas nas adegas, queixerías e venda on line dos seus produtos.

Nesa web amósanse varios vídeos para a promoción de produtos de cabeceira e figura un mapa turístico no que pode verse unha ruta polo territorio “para desfrutar da oferta gastronómica, festas e principais recursos turísticos”, indica o presidente do GDR. E, xunto ao mapa, noméanse os dez concellos que compoñen o GDR e en cada un deles destábase as súas singularidades.

 

 

Este mapa en soporte papel tamén se distribuirá nos concellos, oficinas turísticas, aloxamentos produtores e outros establecementos. “Como acción complementaria de difusión deseñouse unha pegatina coa imaxe do proxecto que inclúe un código QR que permite acceder a toda a información do mesmo e a descarga do mapa turístico. Esta pegatina preténdese que sexa visible na maior parte de establecementos comerciais dos dez concellos”, segundo manifesta Francisco Magide.

O proxecto foi desenvolvido pola empresa Sherpaproject e pode consultarse enteiro na web www.silbina.org. Está previsto que se presente en dúas sesión online aos produtores por unha banda e, pola outra, aos concellos para a súa difusión. “Silbina é un proxecto dinámico e calquera produtor novo pode incorporarse ó mesmo”, destaca o presidente do GDR.

Artigos relacionados

Back to top button