A TeixeiraChandrexa de QueixaConcellosManzanedaMontederramoParada de SilTrivesÚltima horaViana do BoloVilariño de Conso

O GDR Sil-Bibei-Navea súmase á loita contra a violencia de xénero cun libro dos Bolechas

Leva por título “As nenas e nenos do Sil-Bibei-Navea contra a violencia de xénero” e xa está a distribuír nos diferentes centros educativos deste territorio

 

Como vén sendo habitual, o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea conmemorará o Día Mundial contra a Violencia de Xénero cunha aportación moi especial:  a edición dun libriño dos Bolechas que leva por título “As nenas e nenos do Sil-Bibei-Navea contra a violencia de xénero”.

“Se o ano pasado foron obradoiros e charlas, servilletas de papel e paneis para os dez concellos que o compoñen onde se coloca unha flor por cada muller asasinada, este ano é un libro. Fíxose acolléndonos á  campaña de sensibilización contra a violencia de xénero en colaboración coa Consellería de Política Social e o Ministerio de Igualdad”, sinala o presidente deste GDR, Francisco Magide.

Neste libro unha serie de nenas e nenos xogan a agochar este volume en distintos lugares emblemáticos dos dez concellos do GDR (Parada de Sil, Montederramo, A Teixeira, Castro Caldelas, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso e Viana do Bolo), onde outros nenos e nenas do lugar o teñen que atopar e ler. Empeza o xogo atopando o libro no Mosteiro de Sta. Cristina e logo o levan por distintos lugares como o Mosteiro de Montederramo, o Río Queixa, o Castelo de Castro Caldelas entre outros para rematar na Fervenza do Cachón na Teixeira.

 

 

“En paralelo e unha vez que o atopan fanse unha serie de reflexións sinxelas sobre que é o machismo, que pasa co machismo, que é a violencia de xénero, cando empeza, dándolle moita importancia a que empeza na primeira idade cando se dan xoguetes distintos con profesións distintas para nenas ou nenos”, explica Magide.

A conclusión que se pretende transmitir con este libro “ás nenas e nenos é que non hai sentimentos de homes e mulleres afirmando que os homes tamén choran, teñen medo, deben facer as tarefas do fogar e coidar da familia. O remate é que non hai oficios e profesións só de homes nin só de mulleres sinalando como exemplos que homes e mulleres poden ser bombeiras ou pilotos”, engade o presidente do GDR.

O libro estase a distribuír de xeito gratuíto nos colexios, P.A.I.s, Galiñas azuis … de todos os concellos que forman parte do GDR Sil-Bibei-Navea.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button