A VeigaConcellosÚltima hora

O GES da Veiga recibe un equipo de excarceración

 

A Xunta fixo entrega hoxe aos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Veiga dun equipo de excarceración para tarefas de rescate en emerxencias. En concreto, para empregar en accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou outras estruturas colapsadas.

O equipo serve para calquera tipo de emerxencias de salvamento ou rescate onde sexa necesario empregar ferramentas hidráulicas de corte, separación, elevación e tracción de altas prestacións. Está conformado por ferramentas eléctricas, cargadores e baterías cunha bomba multifunción a batería, unha cizalla electro-hidráulica, un cilindro de rescate RAM eléctrico-hidráulico, 6 baterías, 3 cargadores, 3 cables de alimentación e 1 serra de rescate para vidro laminado, metal e madeira.

Con esta entrega a Xunta continúa a reforzar o equipamento deste grupo, xa que o pasado xuño xa entregara un camión autobomba rural pesada (BRP) para mellorar a eficacia nas súas intervencións. Ademais, asume máis a metade do seu custo de funcionamento anual, igual que no resto de GES da comunidade, pese a tratarse dunha competencia de carácter local.

 

 

O GES da Veiga foi un dos 6 novos servizos creados o ano pasado no marco da Comisión de Seguimento dos GES -da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)- co obxectivo de reducir os tempos de resposta en situacións de risco.

Xunto con este grupo -que da cobertura aos concellos de A Veiga, O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso– tamén se creou na provincia ourensá outro GES con base no concello de Maceda para atender aos municipios de Maceda, Baños de Molgas, Esgos, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Espadanedo e Xunqueira de Ambía. A eles sumáronse en 2021 os GES de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela, na provincia de Pontevedra, xunto co servizo municipal do concello coruñés de Noia.

Artigos relacionados

Back to top button