Continúan aparecendo niños de Vespa velutina no municipio de Vilamartín de Valdeorras. Tras os neutralizados anteriormente no casco urbano vilamartinés e tamén no núcleo de San Miguel de Outeiro, nos últimos días detectábanse máis. Así o 20 de setembro o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Valdeorras procedía á retirada dun niño secundario de velutina na localidade vilamartinesa de Penouta, situado parte superior da fachada dunha casa.
Tamén se retiraban outros dous en Portela, un deles de velutina, e recoñecíase outro niño no casco urbano de Vilamartín, que neste caso resultaba ser de Vespa crabro, unha especie autóctona. Estanse a rexistrar bastantes avisos do 012 por este tema en toda a comarca de Valdeorras: no Barco, Larouco, Carballeda, O Bolo, Petín, Rubiá e A Rúa, que, pese a ser concello colaborador na loita contra esta pragra, ten solicitado a colaboración do GES Valdeorras para eliminar algúns niños.
Malia que os primeiros exemplares de velutina detectábanse en Valdeorras hai apenas un ano, non foi ata esta primavera cando aparecían os primeiros niños primarios desta avespa invasora e, xa no verán, numerosos secundarios.
Se se localiza un niño de velutina é necesario chamar ao 012 ou ao 112 para que se proceda á súa retirada.