ConcellosÚltima hora

O goberno central investirá 2,5 millóns de euros na N-120

O Consello de Ministros vén de aprobar tres acordos para realizar obras por valor de 7 millóns de euros nas estradas da provincia

Obras na estrada N-120 nas proximidades de Ourense./ Foto: A.R.

 

O Consello de Ministros celebrado o venres, 27 de decembro, vén de dar luz verde a tres acordos para poder investir, por vía de urxencia e tras ser declaradas obras de emerxencia, algo máis de 7 millóns de euros na conservación en estradas de titularidade estatal na provincia de Ourense.

O Goberno destinará unha partida de case catro millóns de euros para obras de reparación do firme nas autovías A-52 e A-75, así como nas estradas N-525, N-532, N-536, N-540 e N-541. Así mesmo, destinará algo máis de 2,5 millóns de euros para as obras de estabilización do noiro situado na estrada N-120, no punto kilométrico 563+000.

Por último, haberá case 540.000 euros para as obras de substitución do sistema de contención de vehículos do paso superior do enlace A Gudiña-Este, en ambas marxes, da autovía A-52, no punto kilométrico 125+200.

“O Goberno traballa intensamente para solventar as necesidades que ten a provincia de Ourense en materia de vías de comunicación”, asegura o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González. Igualmente recalcou o especial compromiso que ten o Goberno central para manter nas mellores condicións a N-120, estrada que supón para o tráfico pesado a segunda máis importante da provincia despois da A-52, mensaxe que xa lles transmitía aos alcaldes e empresarios da comarca de Valdeorras na reunión mantida o 20 de decembro no salón de plenos do Concello de O Barco de Valdeorras.

 

Imaxe da reunión do subdelegado do Goberno en Ourense con alcaldes e empresarios de Valdeorras o 20 de decembro./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button