ConcellosGalerías de fotosPolíticaÚltima hora

O goberno municipal de Viana non terá xunta de goberno nin dedicacións

A alcaldía, en mans do BNG, presentaba unha proposta de tres dedicacións parciais (un total de 29.000 euros brutos) que resultaban rexeitadas en pleno pola oposición (PP e PSdeG-PSOE)
O alcalde de Viana do Bolo, na sesión constituínte da nova Corporación vianesa./ Foto: Fernando Santalla.

“Consumouse a pinza entre o PP e o PSdeG-PSOE para deixar ao equipo de goberno sen adicación de ningún tipo e ata sen xunta de goberno”, sinala o rexedor de Viana do Bolo, o nacionalista Secundino Fernández, tras o pleno de organización que se celebraba na tarde do 23 de xullo.

Nesta sesión a oposición rexeitaba a proposta presentada pola alcaldía de tres dedicacións parciais: unha do 25% para o alcalde (10.000 euros brutos anuais), outra do 50% para o primeiro tenente de alcalde encargado das áreas de Obras, Urbanismo e Servizos Municipais (12.500 euros brutos anuais) e unha terceira dedicación parcial para a segunda tenente de alcalde, encargada das áreas de Cultura, Deportes e Turismo (6.500 euros brutos anuais)

Na votación, fronte aos catro votos a favor dos edís do BNG estaban os sete en contra da oposición: catro do PP e tres dos socialistas. “Isto significa que estaremos sen ningún tipo de dedicación económica ao Concello e sen ningún tipo de dedicación horaria, o cal vai en detrimento dos propios veciños. Isto é un boicot total e absoluto por parte das dúas forzas da oposición ao goberno municipal”, sinala o alcalde. Ademais Secundino Fernández asegura que “é a primeira vez que na historia recente de Viana ningún membro do grupo do goberno ten nin a mínima dedicación”.

Ademais criticaba o argumento da oposición de que “votaban en contra porque se subía esa partida. Son 29.000 euros brutos en tres dedicacións, un concello como o de Viana pode ter unha dedicación exclusiva, segundo a lei, de 42.500 euros”, matizaba Fernández.

Tamén resultaba rexeitada a proposta da alcaldía de creación da xunta de goberno local. “Por primeira vez na historia de Viana deixaron ao Concello sen xunta de goberno”, di o rexedor, que pensa que “neste pleno evidenciouse que a oposición volveu retomar esa pinza que tiveron durante os catro anos  anteriores para seguir boicoteando esa acción de goberno, é lamentable que fagan isto porque ao fin de contas vai en detrimento da veciñanza, non vai dar lugar a que melloren as cousas”.

O que si se aprobaba no pleno era a periodicidade dos plenos, que se celebrarán cada dous meses, e as dietas por asistencia a estas sesións plenarias, ás comisións e órganos colexiados.

Despois deste pleno, o alcalde recoñece que a situación para o goberno vianés é “complexa, pero xa estamos afeitos despois de catro anos de pinza total por parte dos dous grupos da oposición á acción de goberno”. Aínda así, indica que dende o goberno nacionalista “imos seguir traballando, imos intentar resolver todas as problemáticas que ten o Concello e levar a cabo o noso programa de goberno, que presentamos ás eleccións”.

E con respecto aos contactos co PSdeG-PSOE para formar goberno, Secundino Fernández di que se tratou “dunha negociación trampa, xa dende que a demisión do seu portavoz en xuño, estiveron dilatando todo o tempo,  só tivemos dúas reunións e nelas pedían cousas inasumibles. Cando hai unha negociación para formar un goberno de coalición ten que haber cesións polas dúas partes, non vale que se plantexe por parte dun grupo unha proposta innegociable, de isto ou o colles ou o deixas. E iso foi o que sucedeu, por iso temos a sensación que o PSOE nunca quixo entrar no goberno”.

Artigos relacionados

Back to top button